Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
As cancelas da inmigración

Historia dos que non lograron cruzar o valado

Intentaron saltar os valos fronteirizos de Ceuta e Melilla. Morreron 14 e o resto foron trasladados a unha zona desértica entre Marrocos e Alxeria. Ocorreu en 2005 pero aínda seguen aí sen que os gobernos asuman responsabilidades.

Silvia Torralba – Canal Solidario - 10:00 09/12/2007

Á cidade marroquí de Oujda, a poucos quilómetros da fronteira con Alxeria, cada día chega xente nova. Non son turistas que van visitar o deserto senón inmigrantes que saíron dos seus países en África subsahariana e que, tras ser detidos pola policía marroquí, son trasladados a este lugar.

Hai tres semanas, 48 refuxiados congoleses foron detidos pola policía en Rabat e, malia solicitar o seu status de refuxiado, foron conducidos até Oujda. Uns días antes chegara a pé outro grupo que foi abandonado en pleno deserto, a varios quilómetros da cidade. Todos eles atópanse agora en Oujda xunto a outros inmigrantes, entre eles os que en setembro e outubro de 2005 intentaron saltar os valos fronteirizos de Ceuta e Melilla e non o conseguiron.

Hai dous anos, 14 persoas morreron mentres intentaban saltar os valos desas cidades e o resto foron detidos e, baixo custodia marroquí, deportados e trasladados a zonas desérticas e cidades como Oujda onde, segundo as ONGs, "chegan o 82% dos migrantes procedentes de África subsahariana" e desde onde "son expulsados cando son arrestados en calquera parte de Marrocos".

"Dous anos despois, aqueles graves feitos continúan sen ser investigados nin determinadas as responsabilidades das forzas de orde de España e Marrocos e os seus respectivos gobernos", denuncian nun comunicado conxunto diversas organizacións que se reuniron estes días en Oujda. Entre estas entidades destaca a Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía, APDHA, que explica que nesta cidade fronteiriza os inmigrantes "soportan condicións extremas, pois pasan a noite á intemperie onde as temperaturas roldan os cinco graos na noite".

Segundo Mª Ángeles Marco, membro da APDHA, "os subsaharianos atópanse atrapados" nesta cidade, "coma se fose un campo de concentración ao descuberto". "É moi difícil saír debido á vixilancia e a presión policial. O transporte público estalles prohibido" e hai moitos controis de estradas "férreos" con estas persoas, engade. Ademais, as ONG que apoian ás persoas inmigradas nesta zona reciben unha presión "tremenda".

Como sinala Mª Ángeles Marco, no último ano a estratexia do goberno marroquí en tema migratorio cambiou: "No canto das grandes redadas como as do Nadal de 2006 que situaron dun golpe a máis de 400 subsaharianos en Oujda, agora as expulsións son de grupos de entre 50 e 60 persoas, pero con periodicidade case semanal".

Así mesmo, segundo as ONG reunidas en Oujda estes días, as rutas das persoas inmigrantes tamén cambiaron: "Aqueles a os que se lles negaron as vías de Ceuta e Melilla reforzando aramios de morte, tomaron o camiño incerto e perigoso das Illas Canarias. E tras a crecente blindaxe desa vía marítima retoman rutas cara a Malta ou Italia ou renovan aquelas que xa se usaron outrora cara ás costas andaluzas".
Política estatal sobre inmigración
Para numerosas ONG como a APDHA, Sos Racismo e Amnistía Internacional, o que causa máis dor ás persoas que emigran non son as pateras, as camiñadas polo deserto nin as mafias senón a política de fronteiras do Estado español e o resto da Unión Europea, que pretenden externalizar responsabilidades e "encarcerar a todo o APDHA recorda aos gobernos europeos que a política de cooperación ao desenvolvemento non debe usarse como chantaxe cara a terceiros países para controlar a emigración e encarcerar todo o continente africano".

"O Goberno español e a UE reforzaron a súa guerra contra os inmigrantes: millóns de euros investidos en tecnoloxía e despregamento policial; desenvolvemento e ampliación do Frontex; impulso dunha diplomacia sen precedentes no continente por parte de Europa e en particular de España", argumentan as ONG reunidas en Oujda.

Desde a Asociación Pro Dereitos Humanos de Andalucía critican as políticas de externalización de fronteiras que levan fóra do territorio europeo "aramados, buques, avións, helicópteros, equipos técnicos e policías", entre outros, e advirten ao goberno español que no seu cómputo do número de persoas inmigrantes teña en conta tamén as persoas que morren durante o traxecto.

Neste contexto, APDHA recorda as malas prácticas que moitos gobernos europeos levan a cabo nas súas políticas de cooperación ao desenvolvemento, xa que as utilizan como "chantaxe cara a terceiros países" para que endurezan os seus controis de emigración co obxectivo de controlaren a emigración cara a Europa.

Accións para 2008
Ás críticas desta organización súmanse tamén as das asociacións de inmigrantes que hai uns días se deron cita en Madrid no III Encontro da Rede Estatal polos Dereitos dos Inmigrantes. "Detrás da retórica da integración promovida polo Goberno, na práctica están aumentando de forma exponencial as expulsións e a violencia policial, os medios administrativos seguen sendo insuficientes, multiplícanse os casos de abusos laborais e segue existindo en España unha bolsa de traballadores inmigrantes sen regularizar que supera o millón de persoas", advirten.
Estas entidades explicaban tamén como na praza de Lavapiés de Madrid a policía realiza "redadas masivas", como nas saídas do metro de Barcelona levan a cabo "identificacións permanentes e arbitrarias", como no transporte público de Canarias realízanse "intervencións policiais" e como a policía fai presión a vendedores ambulantes nas portas de colexios e supermercados en Málaga.

Para denunciar estes feitos, as ONG reunidas no III Encontro da Rede Estatal polos Dereitos dos Inmigrantes prevén impulsar durante 2008 campañas e actividades puntuais que recorden os dereitos das persoas inmigradas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: