Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
TODA UNHA SEMANA DE ACTIVIDADES EN PONTEVEDRA

Cantos na Maré amplía obxectivos

Antes do concerto do sábado 15, haberá mostras de documentais, debates e encontros de músicos e autores

Redacción - 09:00 10/12/2007



Cantos na Maré comezou en 2003 sendo un simple pero fermoso concerto. Pouco a pouco foi enriquecendo os seus contidos e facéndose máis ambicioso. Este ano a gran cita é o sábado 15, ás nove da noite no Pazo da Cultura de Pontevedra. Ese día actuarán Paulo Flores (Angola), Mercedes Peón (Galiza), Ceumar (Brasil), Nancy Vieira (Cabo Verde), JP Simoes (Portugal) e Uxía (Galiza). Pero a partir do mércores 12 Pontevedra será escenario de continuas actividades ao redor do festival.

Entre o 12 e o 15 haberá proxeccións de documentais ao redor da música lusófona na Casa das Campás (rúa Don Filiberto, s/n, ao lado do Teatro Principal), con entrada de balde. Entre outros, poderán verse Quintal do Semba (Angola), Só concertinas ou Lusofonía, a (r)evolução.

O venres 14, no mesmo lugar, terá lugar Cantos na Maré, Rede, un encontro de profesionais na procura dunha rede de intercambio cultural entre os territorios da lusofonía. O encontro estrutúrase como espazo aberto de reflexión e debate (formato talk-show) entre axentes culturais internacionais, xornalistas e xeradores de opinión.

Finalmente, os días 13 e 14 Cantos na Maré Encontro permitirá que os músicos participantes no festival entren en contacto e dialoguen con estudantes e universitarios, un momento de encontro coa música dun xeito real, interactivo e dinámico. O fin desta acción é conectar o evento coa poboación a través da interacción directa, e así pór en valor o espectáculo ao tempo que se espalla a cultura musical.

Catro anos de Cantos

Por Cantos pasaron nestes catro anos algúns dos artistas máis importantes de Brasil, Portugal e a África lusófona, como Batuko Tabanka, Chico César, Filipa Pais, João Afonso, María João e Mário Laginha, Ana Firmino, Alberto Mvundi ou Dulce Pontes. E unha brillante representación galega encabezada por Uxía, presente en todas edicións, Narf, Ugia Pedreira ou Guadi Galego.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A brasileira Ceumar actuará o sábado 15
A brasileira Ceumar actuará o sábado 15