Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
En decembro saberanse os cartos que son e para quen van ser

Bugallo anuncia axudas de 300 mil euros para os olímpicos galegos

A conselleira de Cultura e Deporte compareceu no Parlamento para facer un balance da política deportiva nos dous últimos anos e falou das axudas.

Redacción - 17:07 04/12/2007

Este mes hase publicar no DOG a orde de axudas para os deportistas que participen nas Olimpiadas e Parolimpiadas de Beixín 2008, segundo dixo a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, esta terza feira no Parlamento, namentres facía un un balance da política deportiva desenvolvida nos dous anos e tres meses que leva no poder o novo Goberno.

A estas axudas poderán optar todos os deportistas que teñan praza asegurada en Beixín 2008 (até o de agora son nada máis catro).

O balance de Bugallo
A conselleira debullou durante a súa comparecencia o seu modelo para o deporte galego, que, segundo dixo, "actualiza, moderniza, democratiza e redefine o modelo anterior, sentando unhas novas bases para o futuro".

Na súa política deportiva primou o deporte base e o deporte escolar, (a través do programa Deporte na Escola); mais sen descoidar a elite (coas axudas a Deportistas Galegos de Alto Nivel, DGAN, que incrementaron un 25% o número de beneficiarios); e o deporte feminino (amparado en modelos de discriminación positiva) e para discapacitados (incluídos por primeira vez nas axudas DGAN). Tamén se iniciou neste período a colaboración co deporte universitario, coa sinatura dun convenio para apoiar os campionatos universitarios e os Galaico-Durienses.

No traballo destes anos tamén se melloraron considerabelmente as instalacións e infraestruturas deportivas e a xestión das mesmas, con exemplos como o novo modelo de xestión do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) ou a construción do Centro Deportivo de Pontillón do Castro en Xeve-Verducido (Pontevedra).

Política de transparencia

Neste tempo tamén se instauraron de criterios de transparencia nas axudas públicas, o que se conseguiu a través da regulación e supervisión dos procesos electorais nas federacións deportivas e no programa de auditorías ás que foron sometidas para garantir a xestión limpa nestes organismos. Até o de agora realizáronse 31 auditorías ás federacións (13 en 2006 e 18 en 2007), ademais de programas de mellora na xestión das federacións.

A identidade galega do deporte
Respecto das políticas de fomento da identidade no deporte, ademais da creación e potenciación das seleccións galegas absolutas e do equipo profesional de ciclismo, o Karpin Galicia, fíxose, segundo dixo Bugallo, unha promoción decidida dos deportes tradicionais: navegación tradicional, (co Proxecto Nabeira08 que culminará coa presenza na Feira de Brest, en Bretaña), billarda e bolos celtas, entre outros.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: