O escritor repasa algúns dos feitos que marcaron a súa vida, na capital arxentina e A Habana e a relación entre Galiza e Cuba, onde o 20 de decembro se celebra o centenario do himno
A vida de Neira Vilas desénvolvese entre tres esquinas do Océano Atlántico: Galiza (Gres), Arxentina (Bos Aires) e Cuba (A Habana). Milleiros de quilómetros entre elas e algunhas décadas de distancia, igualmente, pero un mesmo obxectivo: a difusión da cultura galega. Neira Vilas emigrou a Arxentina en 1949, con 21 anos. Bos Aires nos anos 50 era a primeira cidade de Galicia. Érao en poboación, pois en ningunha outra cidade do mundo vivían máis galegos, e érao a súa alma e vontade de ser galega. A nosa cultura brillaba na outra beira do Atlántico grazas a Seoane, Dieste, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado ou Blanco Amor.
As Mocidades Galeguistas
E grazas ás Mocidades Galeguistas, formadas en 1953, nas que "non só habían galegos e galegas, senón tamén arxentinos, fillos de galegos", comenta Neira, e nas que a defensa da lingua galega era fundamental: "os que ingresasen nas mocidades galeguistas tiñan que saber galego e aprender o himno". Os mozos galeguistas que vivían en Bos Aires nos anos 50 non eran unha multitude, mais eran moi activos. Un exemplo desa actividade foi o reparto polas rúas de milleiros de copias da denuncia que as sociedades galegas realizaran da persecución da que era vítima a nosa lingua na ditadura franquista perante a Asemblea Internacional da Unesco, reunida en Montevideo en 1954.
Con todo, Neira Vilas salienta que estas Mocidades, ao contrario das dos anos trinta, reservaban un espazo para a festa: "os rapaces das Mocidades Galeguistas dos anos trinta eran moi serios todos e Castelao dicíalles: 'que clase de mozos sodes? Non ides ás mozas, ás romarías, sodes vellos realmente, ideoloxicamente moi ben, pero despois non sodes mozos' (...) nós non, nós tiñamos os nosos bailes, as nosas romarías, os nosos mozos e mozas (...) Até unha vez acabamos na comisaría por cantar en galego nun autobús".
Follas Novas, unha iniciativa pioneira
Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda casaron en febreiro de 1957, el con 28 anos e ela con 24. O seu gran proxecto era poñer en marcha unha libraría-editorial para difundir os libros galegos en toda América. Follas Novas inaugurouse o 15 de xullo de 1957, exercendo de "pregoeiro" o xornalista e ex deputado Ramón Suárez Picallo.
Durante catro anos Neira Vilas e Anisia Miranda percorreron as sociedade galegas e as "actividades culturais patrióticas" que se organizaban en B. Aires: "iamos cunha especie de maleta-estante e abríamolo alí e vendiamos libros". Como destacou Luis Seoane "perdendo cartos e recobrando vontades para Galicia". Como lembra Neira Vilas: "faciamos unha relación do que gañaramos ese mes con Follas Novas e exactamente por ese importe enviabamos libros ás bibliotecas públicas arxentinas, para que Galicia estivese representada".