Aínda que oficialmente di que quere puxar por unha "folla de ruta" para loitar contra o cambio climático, a realidade é ben diferente.
Segundo puido saber o diario alemán Spiegel, representantes do goberno de Estados Unidos están a coordinar coa India e coa China o xeito de impedir a imposición de límites de emisión de gases á atmosfera.
En recentes declaracións oficiais, Washington sinalou que estaba á procura de acadar un compromiso na Conferencia sobre o Cambio Climático de Bali que sucedese ao Protocolo de Quioto -non asinado por EUA-, e que expira en 2012.
Porén, fontes consultadas polo xornal xermano recoñecen que a Casa Branca xa está na actualidade a negociar cos gobernos indio e chinés -concretamente no Cumio- para tombaren calquera norma vinculante que poida ser acordada en Bali.
Escudarse detrás dos países asiáticos
O obxectivo estadounidense é ter en quen se escudar para non ser a única voz discordante nesta materia, algo que podería conseguir se China e India esixen unha maior axuda financeira a cambio de reducir a cantidade de gases de efecto invernadoiro.
"O equipo de Bush non quere realizar ningún progreso real nos vindeiros días", -sinalou unha fonte oficial anónima- "mais tampouco queren ser de novo o foco das críticas internacionais". Esta sería a razón da nova táctica de EUA, máis aínda tendo en conta que xa non pode contar cos seus máis firmes aliados neste eido (e noutros).