N.H.U. só editaron un álbum, pero o seu rock progresivo en galego segue sendo obxecto de culto. Esta fin de semana o seu vinilo chegou aos 240 euros en eBay.
En 1978 o folk, a música de raíz celta estaba de moda en toda Europa, principalmente grazas ao éxito do bretón Alen Stivell, de Gwendal ou Pentagle, e ao fío dese éxito Galiza viu o nacemento, entre outros, de Milladoiro ou o importantísimo disco Fonte do Araño de Emilio Cao. Un día Nonito Pereira, produtor destes álbums, recibiu a visita de Xoán Piñón, que lle falou dun grupo de rock compostelán chamado N.H.U. A clave para vender o disco ás produtoras madrileñas era incluír algún elemento de folk, unha gaita, como xa fixeran ese mesmo ano Goma2, primeiro grupo galego que mesturara sen complexos a guitarra eléctrica coa gaita.
A gravación do álbum
Con esa encomenda marcharon N.H.U. a Madrid, aos estudios de Zafiro. Pero non fixeron caso, no lugar do son prometido, gravaron un excelente e pioneiro álbum de rock sinfónico e progresivo. Recibiu moi boas críticas, pero non tivo unha boa distribución: "había tendas en toda España que tiñan o noso disco no escaparate, pero só a caixa, non lles chegara exemplar ningún, non nos axudaron a movelo", lembra Xosé Ferreiro, batería da banda. Canda a Xosé, N.H.U. formábano o seu irmán Xulio Ferreiro, Roberto Abal, Xurxo Pérez, Xosé Ferreiro e Tino Grandío, coas colaboracións eventuais de Ricardo Máiz e Cuchús Pimentel, fillo de Alonso Montero. Por certo que o nome da banda non responde a un afán reintegracionista, aínda que moitas veces ao pronuncialo, en moitos lugares aparecese escrito "Ñu". En realidade N.H.U. é o acrónimo de "Una Noche Hermosa".
O grupo formárase en 1974, "tocando pachanga nas salas de festa", pero entre 1975 e 1976 os membros da banda foron chamados á mili. Ao seu regreso comezou a aventura de gravar o disco e de buscar locais nos que tocar: "non era doado que nos deixasen tocar en certos sitios, a xente non estaba afeita a esta música, así que lle dicíamos que ademais de guitarras eléctricas tiñamos instrumentos clásicos, como violíns e frautas, o que era certo", di Xosé. Así conseguiron actuar, por exemplo, na Aula de Cultura de CaixaGalicia de Compostela, un concerto presentado por Benedicto e no que se xuntou tanta xente que mesmo romperon as portas do local. Os seus concertos eran basicamente instrumentais, moi densos, con longuísimas cancións cunha gran parte de improvisación, a constante presenza dun órgano hammond e guitarras psicodélicas.
240 euros en eBay
O álbum é unha alfaia para coleccionistas de todo o mundo, un disco e un grupo de culto, non só no Estado Español, senón en Alemaña, Canadá ou Xapón. Como informa Sono-tone pechouse unha subhasta no eBay do Reino Unido do que xa é o disco galego máis valorado a nivel internacional, cunha poxa final (realizada por un coleccionista de Canada) de 240 euros. "Nin eu teño o disco orixinal", di Xosé, "manda carallo". O disco é agora propiedade da multinacional BMG Ariola, que mercara RCA, que antes adquirira Zafiro. E alí está, no fondo dun catálogo, á espera dunha nova reedición. No ano 2000, de feito, reeditouse xa en Alemaña, recollendo de novo fantásticas críticas.
Tiñan material para un segundo álbum que nunca chegaría: "era difícil darlle saída a esa música en Galicia". De feito a banda continuou tocando en salas de festas e algúns dos seus membros, coma o propio Xosé Ferreiro, seguen na música, no grupo Os Apóstoles. O seu disco homónimo contiña cancións como "Na terra do verde chan", "A Titiritada", "Friki & Alexo", "Doente", "Hay un tren" ou "A trancas e barrancas". E cantaban en galego, como destacaban no texto de presentación do álbum: "Tratamos de facer camiño e cantamos en galego porque é un idioma que nos gusta. A nosa música para vós".