Entre os novos títulos destaca O Castelo Branco, do Premio Nobel Orhan Pamuk
Entre as novidades figura Camposanto, libro póstumo do escritor alemán W. G. Sebald, un dos autores máis prestixiosos da literatura alemana contemporánea, falecido en accidente de coche no ano 2001. Ademais, dentro da Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, anúncianse 3 novidades: O castelo branco, primeira novela do Premio Nobel Orhan Pamuk traducida para o galego, A pista de area, o novo caso do comisario Montalbano que Andrea Camilleri acaba de publicar esta primavera en Italia e que chega con adianto respecto do resto das linguas do mundo, e O retorno, de Bernhard Schlink.
Ademais, Galaxia editará Tres contos, de Flaubert, As mágoas do mozo Werther, de Goethe, O ruído e a furia, de William Faulkner, unha das novelas máis influentes da literatura norteamericana do século XX, que sairá publicada xunto con O viaxeiro astral, de Jack London.
Unha forte aposta polas traducións
Desde que en 2003 publicase en galego antes ca en castelán Un nome de dicionario, da escritora francesa Amélie Nothomb, Galaxia mantén unha política de traducións para o galego das novidades literarias internacionais co obxectivo de entregar aos lectores galegos as novidades literarias ao mesmo tempo que se publican no resto das linguas europeas. A editorial destaca que a aposta polas traducións "supón un chanzo máis no avance cara á normalidade nas relacións entre o campo literario galego e as restantes literaturas do mundo".