Verdegaia volveu suspender o Goberno un ano máis e entregoulle un premio que recoñece a peor actuación ambiental do ano. Os veciños de Meá gañaron o premio ao mellor traballo de defensa do medio.
A asociación ecoloxista Verdegaia vén de entregar os galardóns cos que cada ano recoñece o traballo positivo na defensa do medio, ao tempo que se sinalan as actuacións que atentan gravemente contra o noso contorno. Desta volta, os bos foron os veciños de Meá, e os que levaron o premio malo foron os membros do Consello da Xunta.
A mellor actuación ambiental: o premio Semente 2007
Este ano a Plataforma Veciñal Cruceiro de Meá foi merecedora do Premio Semente pola súa actuación contra a instalación da Planta de Gas de Reganosa na Ría de Ferrol, exercendo, segundo os organizadores, "a cidadanía dende a responsabilidade, a implicación solidaria e a conciencia colectiva, na súa esixencia non violenta do cumprimento da legalidade e servindo de exemplo a todos e todas".
Xuntando premios Cemento
Unha vez máis o Premio Cemento á Peor Actuación Ambiental foi concedido a unha administración pública, desta volta ao Consello da Xunta, personificado en Fernando Blanco, conselleiro de Innovación e Industria e Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente por seren, segundo Verdegaia, os máis directos responsábeis de conceder autorización administrativa á canteira A Campa, no Courel, explotación que leva máis dunha década funcionando "de maneira ilegal, sen autorización municipal, cun estudo de impacto ambiental falso e cunha orde de paralización de actividade emitida pola propia Consellaría de Política Territorial que foi reiteradamente incumprida".
Esta "burla da Xunta á cidadanía" foi merecedora do negativo galardón, porque, segundo Verdegaia, por causa da actuación da Xunta están a se abrir os espazos de maior biodiversidade de Galiza á rapiña e ao espolio das empresas, que ven nesta canteira un exemplo a seguir de como saltar a normativa co beneplácito dos responsábeis Políticos.