A formación Rusia Unida, de Vladimir Putin, conseguiu cando menos o 63% dos votos, segundo os primeiros datos. As eleccións son cualificadas desde a oposición como "as menos democráticas desde a desaparición da Unión Soviética".
Esmagadora maioría para a Rusia Unida, o partido do presidente Vladimir Putin, que manterá o control da asemblea parlamentaria. Atrás del, o Partido Comunista foi a formación máis votada, con algo máis do 11% dos votos. Séguenlle o Partido Liberal Democrático de Rusia, co 9,5%; e Rusia Xusta, cun 7,2%. Serán estes os grupos que se repartan os 450 escanos en xogo, xa que a lei electoral estabelecida por Putin deixa fóra a todos os partidos que non cheguen a un mínimo do 7%.
O máis insistente nas denuncias de irregularidades nestes comicios foi o líder dos comunistas, Guenadi Ziugánov, quen criticou en concreto as fendas abertas á fraude co sistema de "cupón electoral" que permite a calquera elector votar en calquera parte do país. Ziugánov chamou aos seus seguidores a saíren á rúa este luns fronte ao que considera "unha fraude electoral masiva". Os comunistas aseguran dispoñer de estudos segundo os cales o apoio real á súa candidatura chegaría ao 25%.