Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Foron vítimas da operación "Retiro de televisores"

Atopan restos de 22 labregos asasinados durante a ditadura chilena

Levaban tres meses na súa procura, e a pesar de que xa foran desenterrados en 1978 para os facer desaparecer, aínda se puideron atopar varios restos dos desaparecidos.

Redacción - 10:15 01/12/2007
A televisión chilena segue o desenterramento dos restos dos desaparecidos

A televisión chilena segue o desenterramento dos restos dos desaparecidos

Dous cranios, preto de 300 ósos, 76 pezas dentais e un anel de voda foron atopados esta semana nunha foxa común onde probabeelmente foron sepultados os 22 labregos chilenos asasinados polas forzas de Pinochet. A carón dos restos tamén se atoparon á volta dun cento de proxectís de bala. A foxa estaba preto do Lago Rapel, a uns 150 quilómetros ao surleste de Santiago de Chile, na rexión de O'Higgins.

Neste lugar, segundo as investigacións xudiciais, foron asasinados en outubro de 1973, un mes despois do golpe militar que encabezou Augusto Pinochet, unha vintena de labregos detidos na localidade de Paine, ao sur de Santiago, nunha dos centos de operacións de "limpeza" que fixo a ditadura polo agro chileno.

A operación "Retiro de televisores"

Os restos que se atoparon non están completos, xa que se presupón que os cadáveres xa foron exhumados clandestinamente entre 1978 e 1979 e chimpados ao mar, dentro da operación "Retiro de televisores", ordenada por Pinochet para apagar o rastro dos asasinatos cometidos por todo o país nos meses posteriores ao golpe.

Esta operación creouse despois de que se atopasen unha outra vintena de corpos na localidade de Lonquén, preto de Santiago de Chile, en 1978. Ante o medo de que aparecesen máis pegadas dos crimes da ditadura, Pinochet quixo terminar coas probas, e ordenou a "limpeza" dalgunhas foxas.

Durante a ditadura militar (1973-1990), foron asasinados, a mans de "axentes do Estado" uns 3.300 chilenos, e aínda están desaparecidos, segundo cifras oficiais, outros 1.192.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: