Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
JOSEP RAMONEDA, FILÓSOFO E XORNALISTA

"A alianza de civilizacións é un intento disparatado de agrupar ás persoas por criterios relixiosos"

Josep Ramoneda falou no Consello da Cultura Galega sobre o concepto da Ilustración, definido como a capacidade de pensar libremente, e asediado dende varios puntos

Marcos S. Pérez - 19:02 29/11/2007

Que é a ilustración? En 1784 Kant publicou no xornal Berlinische Montasschrift a súa definición do concepto que serviu de base á revolución liberal experimentada polo mundo dende a segunda metade do século XVIII: "a saída do home da súa minoría de idade para pasar a pensar por si propio, libremente, e libremente tomar decisións", unha definición que para Josep Ramoneda resulta igualmente válida hoxendía.

Josep Ramoneda, filósofo, xornalista (moi coñecido pola súa participación en Hora 25) e director do Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona, defendeu no Consello da Cultura Galega, no marco do ciclo de conferencias de Os sentidos das culturas, que o concepto da Ilustración está de plena actualidade, asediado por visións do mundo pechadas e absolutistas, pola ideoloxía do medo imperante en Occidente, pero tamén dende as concepcións multiculturalistas, e dende o relativismo posmoderno.

A este respecto, o filósofo americano Richard Bernstein centra a gran batalla da actualidade nun enfrontamento entre as persoas de mente aberta e os que se senten atraídos polos fundamentos morais ríxidos, os mesmos que cren que "a sutileza e os matices encobren unha falta de decisión".

Crítica á alianza de civilizacións
É por isto que Ramoneda critica as propostas referentes a unha alianza de civilizacións: "é un intento completamente disparatado de agrupar aos habitantes do planeta por criterios relixiosos, en función da relixión imperante nas súas rexións xeográficas, algo totalmente intolerábel. A alianza debe estabelecerse entre a gente con mentalidade aberta que existe en cada país. Occidente está cometendo un erro inmenso, e está esquecendo a todos estes sectores sociais, escollendo como interlocutores a persoas que manteñen uns esquemas completamente opostos a eles".

Refírese Ramoneda, por exemplo, ao caso de Irán: "unha sociedade moi moderna, moi cosmopolita, cunha grande apertura mental, sobre todo nas mulleres. E, en cambio, Occidente escolle a Jatamí como referente, que pode ser máis liberal que outros líderes relixiosos, pero así e todo ten unha visión da realidade moi absolutista".

O debate político en España

Esas concepcións dicotómicas e pechadas advertíronse tamén nalgúns discursos políticos construídos no Estado Español nos últimos anos: "é evidente que aquí houbo un intento deliberado de trasladar a Europa a través de España unha revolución conservadora, con todos os elementos de "revolución" e de "conservadora", e un novo discurso baseado no pensamento único", afirma Ramoneda.

Así é todo, o filósofo e xornalista declárase optimista: "o pensamento ilustrado e a mentalidade aberta vanse facendo oco. E en todo o planeta, as persoas con esa concepción do mundo vanse recoñecendo e atopando por riba das fronteiras".


Documentos

5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: