Para adaptar e modernizar o labor docente dos Lectorados de Lingua e Cultura Galegas de todo o mundo.
As xornadas celebraranse os días 11 e 12 de xaneiro do 2008 na Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona e o prazo de inscrición péchase o 30 de novembro. Estas primeiras xornadas de didáctica de ensino de lingua galega a estranxeiros están coorganizadas por Filologies Gallega i Portuguesa da Universitat de Barcelona e The Queen’s College da University of Oxford. O proxecto xurdiu tras unha análise das necesidades percibidas polo colectivo de lectores de lingua, literatura e cultura galegas no desenvolvemento do seu labor docente.
O Galego como Lingua Estranxeira (GLE) é un eido en expansión. Co novo sistema de certificación de lingua galega (CELGA), a expansión dos Centros de Estudos Galegos e o aumento do número de estranxeiros a aprender galego creouse a demanda de profesionais especializados. Estas xornadas pretenden ser un punto de encontro para os profesionais en activo e aqueles outros interesados na especialidade. Nelas abordaranse temas tan diversos como os niveis de competencia da lingua galega e o uso de tecnoloxía na aula. Contarán coa participación, entre outros, de Margarita Chamorro, membro da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Sergio Troitiño, responsábel de formación da Editorial Difusión, e Xabier Laborda, especialista en pragmática e Profesor da Universitat de Barcelona.
As xornadas son abertas a todo o público interesado e para asistir só cómpre facer unha inscrición gratuíta previa enviando un formulario ao enderezo do Lectorado de Galego da UB.
Xornadas de didáctica Galego Lingua Estranxeira
11 e 12 de xaneiro do 2008
Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona
Inscrición de balde até o 30 de novembro de 2007
Máis información na web de Filoloxía Galega da UB ou no enderezo do Lectorado de Galego do The Queen’s College de Oxford.