"Brasil debería ter máis peso na Conferencia de Paz de Annapolis", opina Francisco Carlos Teixeira, profesor de Historia Contemporánea, subliñando que o país é un exemplo de entendemento entre árabes e xudeus.
Francisco Carlos Teixeira
Brasil debería ter unha participación significativa na Conferencia de Paz de Oriente Próximo de Annapolis (Maryland, EUA) por ser un exemplo de país onde a convivencia entre árabes e xudeus é pacífica.
Así o afirma Francisco Carlos Teixeira, profesor de Historia Contemporánea da Universidade Federal de Rio de Janeiro e columnista da Rede Voltaire, en declaracións aos medios: "A contribución brasileira debe ser a de amosar as posibilidades de convivencia pacífica entre árabes e xudeus, tal e como ocorre no noso territorio".
Porén, considera que é moi improbábel un papel activo da diplomacia do país latinoamericano no eido político. "Talvez, no futuro, de aceitar Israel unha tropa de interposición ou de mantemento da paz, o Brasil podería ser chamado a formar parte deste grupo", opina Teixeira.
Poucos avances
O profesor afirma que non confía en grandes avances nas negociacións de paz entre israelís e palestinos, debido ao non recoñecemento de Hamás por ningunha das dúas partes, é dicir, nin polo goberno de Israel nin por Al Fatáh. Tan só avanza que podería haber unha cesión respecto ao barrio árabe de Xerusalén, que se convertería na capital dun hipotético Estado de Palestina.
Representantes de 50 países participan no Cumio de Annapolis, entre estes a delegación brasileira, encabezada polo ministro das Relações Exteriores, Celso Amorim.