Os vindeiros xoves e venres comparecerán en Compostela representantes das empresas que obtiveron licenzas locais e autonómicas.
Cartel do foro
Cando xa pasou máis dun ano dende a concesión das 49 elevisións dixitais locais e máis de dous dende a adxudicación das dúas privadas autonómicas, a Academia Galega do Audiovisual (AGA) analiza a situación da televisión dixital no país. O xoves 29 e venres 30 de novembro en Compostela, o Foro Academia Aberta recibirá representantes das empresas beneficiarias das licenzas, que anunciarán os seus plans de acción.
O programa do encontro presentárono no Club Internacional de Prensa a presidenta da AGA, María Bouzas, e mais Xaime Fandiño, un dos coordinadores do foro. Na quinta edición da actividade, que se titulará “A televisión dixital en Galiza: novas tecnoloxías, novos servizos”, poderán participar todos os académicos, profesionais e interesados.
O principal obxectivo da convocatoria é que os concesionarios dean conta perante o sector e perante a sociedade galega dos seus proxectos: cal vai ser a súa programación, que recursos técnicos e humanos van dedicar e que postos de traballo van crear. No foro tamén se tratarán cuestións como os plans de negocio e financiamento, debido ao investimento que require a TDT, e é posibilidade de que se implante un sistema de televisión de pago.
No seu conxunto, os beneficiarios das concesións administrativas comprometéronse a investir 150 millóns de euros e a crear 1.500 postos de traballo, ademais de desenvolveren servizos interactivos e emitir máis do 85% da programación en galego. Amais disto, contémplase desenvolver novos formatos que aproveitan as capacidades interactivas do novo medio.
Durante as dúas xornadas, expertos a nivel galego e estatal describirán o panorama de implantación da TDT nos seus ámbitos territoriais e os atrancos aos que se enfrontan de cara ao apagamento analóxico, previsto para abril de 2010 ou mesmo xuño de 2009 nalgunhas zonas: a renovación e adaptación dos televisores e das antenas e acadar a tempo a cobertura.
O foro conta co patrocinio das direccións xerais de Comunicación Audiovisual, Promoción Industrial e Sociedade da Información e Creación e Difusión Cultural, xunto á Fundación Caixa Galicia.
Guías titoriais sobre a TDT
O Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias, presentará na inauguración do Foro dúas guías titoriais para facilitarlles aos concesionarios o desenvolvemento dos seus proxectos de TDT, tanto ás entidades privadas como aos concellos, que dispoñen dunha canle en cada demarcación.
Na web da AGA pódese consultar un díptico en PDF co programa completo das xornadas, que irán seguidas dunha asemblea extraordinaria da academia o sábado 1.