Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NAS TENDAS DENDE O MARTES 27

Cuarto álbum de Budiño: 'Home'

Xosé Manuel Budiño celebra os dez anos dende a publicación do seu primeiro disco cun ovo traballo no que colaboran Kepa Junkera, Mercedes Peón ou Deluxe

Marcos S. Pérez - 11:25 28/11/2007



Xosé Manuel Budiño presenta novo disco, Home, o cuarto álbum da súa carreira, no que contou con importantes colaboracións, como as de Kepa Junkera, que toca a trikitixa, a voz de Mercedes Peón, ou a sorprendente participación de Xoel López (Deluxe), que canta o tema Ollos de sal, escrito por Antón Reixa. É unha colaboración de ida e volta, esta, pois Budiño acompañou a Xoel no concerto que este ofreceu o pasado día 24 na sala La Riviera de Madrid, nun concerto que será recollido nun DVD que se presentará en 2008. "Tiñamos amigos comúns e el viñera a varios concertos meus, ademais Xoel é unha persoa moi inqueda e apetecíalle cantar en galego", explica o de Moaña.

Conta Budiño que en Home están presentes as experiencias que foi recollendo ao longo de 18 meses da xira de presentación de Zume de Terra, que o levou por Arxentina, México (onde quedou fascinado pola maxestuosidade da Praza do Zócalo), Siria, Bulgaria ou Xordania: "iamos saltando de país en país, de cultura en cultura, e cada vez que volvía a Galiza traía un feixe de melodías novas". Budiño compón así, en solitario, "é como máis cómodo me sinto, compoñendo, aínda que algunha vez poida recorrer á música tradicional", di.

Home está nas tendas dende o martes 27. Precisamente cúmprense agora dez anos dende a publicación do primeiro álbum de Xosé Manuel Budiño. Despois daquel Paralaia (1997), chegaron Arredor (2000) e Zume de Terra (2004). Budiño valora esa experiencia, a aprendizaxe gañada en cada álbum, que lle permite, di, "exprimir o mellor dos músicos" e gravar o disco a base de primeiras tomas no estudio.

Xira mundial en 2008
Budiño comeza agora unha extensa xira que o levará, por exemplo, a Cuba o vindeiro 8 de decembro, nun concerto enmarcado dentro dos actos de conmemoración do himno galego. Pero o gran momento chegará o 19 de xaneiro, cando o gaiteiro actuará en Glasgow no prestixioso Celtic Connections Festival. Será nese espectáculo no que o de Moaña presentará a súa nova formación, nun espectáculo moi visual no que incluirá programacións e videocreacións. Despois, Budiño comezará a súa xira por Galiza, que o levará aos teatros das vilas e cidades máis importantes do país. Até maio, non que volverá marchar fóra, na presentación internacional do seu álbum.

Escoita tres temas do álbum


Ollos de Sal (con Xoel López)


Ortegal


Inmaterial (con Mercedes Peón)


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Budiño comezará en decembro a xira de presentación de 'Home'
Budiño comezará en decembro a xira de presentación de 'Home'