As dúas taekwondistas galegas gañaron con moita autoridade en Francia, quedando situadas nos primeiros postos de clasificación para o preolímpico de Istambul.
A coruñesa Fani Hernández (do Natural Sport de Ribeira) conseguiu a medalla de ouro na Copa de Francia de Pesos Olímpicos na categoría de -57 Kg, deixando a prata para a súa compañeira de selección Andrea Rica (do Tao de Vigo).
Fani gañou o campionato con moita autoridade desfacéndose na primeira rolda da alemá Julia Uffelman; despois venceu á ucraína Yuliya Podolyan; para gañar a semifinal á tamén alemá Sabrina Grimm. Na final enfrontaríase a Andrea Rica (primeira clasificada do Ranking Olímpico estatal) gañando o combate en morte súbita por punto de ouro (2-1).
As dúas poderían coller praza para o preolímpico
Este duplo resultado sitúa ás dúas taekwondistas nos primeiros postos de clasificación para o preolímpico de Istambul e reflicte o bo traballo desenvolvido co grupo de Taekwondo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), que está comezando a ter actuacións regulares no panorama internacional.
Dende París, Andrea Rica volveu á súa preparación coa Selección Española no CAR de San Cugat e Fani Hernández voará, xunto con Belén Asensio (tamén prata na cita parisina), a Seúl para integrarse na concentración que a Selección Galega Absoluta fará nas universidades de Young In, Kiung Hee e Han Che.