Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
RUBÉN RUIBAL, DRAMATURGO

"Tocarnos é un accidente"

Rubén Ruibal (Ribadeo, 1970) é dramaturgo e amo de casa. Vén de recibir o Premio Nacional de Literatura Dramática pola súa obra Limpeza de sangue. Unha entrevista de Diego Ameixeiras con fotografía de Juan Hermo.

TEMPOS Novos - 18:00 26/11/2007

Parabéns. Cultiva unha horta e coida dos seus fillos. Supoño que estará afeito a recibir premios.

Pois si, a diario. Son un tipo con moita sorte. Abrazos, bicos, palabras novas. E, da horta, flores, tomates, castañas, noces, nabizas... Unha marabilla. Non sei que carallo facía eu nun piso. Iso si, tamén teño os premios "toupeiras" e "cueiros", que non molan nada.

Limpeza de sangue foi distinguida no 2005 co Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e aínda non foi representada. Tan sobrado anda o teatro galego?

Anda. Ou andamos. Sobrados de moitas cousas. Incluso de autores galegos que nunca chegan ós escenarios. Pero foi o normal, de sempre, en Galicia e no resto do mundo. Sempre é máis rendible ser de fóra. De fóra pero do Primeiro Mundo, ollo, temos un cosmopolitismo ben acoutado.

Os protagonistas da obra son un arquitecto e un yonqui. Hai mundos aparentemente alleos que acaban sendo moi próximos?

Se un sae da casa, do piso, do adosado ou da chabola cos sentidos traballando, o máis probable é que atope outros mundos. O que pasa é que non nos paramos a mirar. Defendémonos do que é distinto. Tocarnos é un accidente. Que peniña.

Di vostede que para sobrevivir como autor teatral en Galiza, hai que ser escritor e empresario. Non lle parecen inquietante conxugar nunha soa personalidade esas dúas ocupacións?


Ten un punto perverso esa necesidade de clientela, si. Pero non pasa só no teatro. Moitos artesáns do país serán empresarios, supoño. Ou se non, ¿como facturan os pelouros e mailos tallos e as pinturas que hai polos parques, as rúas e os edificios públicos? Sen facturar non sobrevive ninguén. Que llelo digan ós medios de comunicación, ¿non?

Non concibe a escrita "sen dar avisos sobre os problemas do mundo". Hai algún que lle preocupe especialmente, ou non dá abasto?

O desprezo polo noso contorno, a velocidade do home, o egoísmo, a escravitude da imaxe, as desigualdades. E agora poñería un etcétera. Non dou abasto, xa ves.

Está a escribir "Drama 3" para o Centro Dramático Galego. Aquí amarrou para que lla representen...

Pois iso parece, pero tampouco as teño todas comigo. Ademais, o mérito foi do Consello Asesor do CDG, que me meteu nesa horta.

Entrevista publicada na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 126, novembro de 2007)


4/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: