Trátase do escaparate literario máis importante de Latinoamérica.
A Feira do Libro de Guadalaxara é a máis importante de cantas se celebran en América Latina, e o principal escaparate comercial. Por esta razón, o feito de que Galiza fose país convidado en 2011 sería un fito histórico para a cultura, e un paso decisivo na estratexia de internacionalización do libro galego. Cómpre lembrar que Catalunya foi o país convidado na Feira do Libro de Frankfurt este verán, e que a propia Galiza serao en febreiro na Feira Internacional do Libro da Habana.
Ánxela Bugallo anunciou a intención da Consellaría de Cultura de presentar a candidatura despois de reunirse coa directora da Feira, Nubia Macías, con quen negociou unha maior presenza da literatura galega neste espazo. Nubia Macías considerou "moi importante que a cultura galega estea presente en Guadalajara" e asegurou que "este encontro nos permite crer que podemos aspirar a máis, que podemos aspirar a que Galiza poida ser convidada de honra".
Monográfico sobre poesía galega en Reverso
Reverso, unha das revistas literarias de referencia, publica no seu último número un monográfico sobre poesía galega. Durante o acto de presentación da revista, que tivo lugar na propia Feira, o director da publicación, Carlos López de Alba, subliñou a magnífica saúde deste xénero en Galiza. Pola súa banda, Ánxela Bugallo salientou as pontes recuperadas entre Galiza e México e lembrou o importante labor realizado por persoeiros galegos que viviron en México, como Carlos Velo, Lorenzo Varela ou o recén finado Elixio Rodríguez, ademais da actividade da revista Vieiros.
A selección dos textos incluídos no monográfico correu a cargo da profesora Teresa Seara, que escolleu poemas de Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Manuel Álvarez Torneiro, X. L. Méndez Ferrín, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xulio L. Valcárcel, Xavier Seoane, Chus Pato, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello, Eva Veiga, Olga Novo, Yolanda Castaño e Emma Pedreira.