O Consello da Xunta aprobou un investimento de catorce millóns de euros dstribuídos en dúas anualidades
A Consellaría do Medio Rural contratará o servizo de 14 helicópteros con destino á prevención e extinción de incendios forestais durante os anos 2008-2009. Este servizo de medios aéreos deberá realizar o transporte de persoal e equipos de extinción ata as proximidades dos incendios e participar na súa extinción mediante lanzamento de auga, con ou sen retardantes ou espumantes, segundo dispoña o director de extinción.
As aeronaves contratadas quedan á exclusiva disposición de Medio Rural para a súa aplicación nas misións que se lles encomenden. Estímase, a efectos de cálculo orzamentario, que cada aeronave voará un valor medio de 50 horas mensuais. A área xeográfica de actuación será todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galiza. Porén, cando as circunstancias e a consellaría o estimen necesario, esta área poderá ser ampliada a comunidades autónomas ou estados limítrofes.
O investimento, aprobado este xoves polo Consello da Xunta, ascende a 14.035.384 euros distribuídos en dúas anualidades.