Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Segundo a análise de Medio Ambiente

Ferroatlántica facía obras "sen autorización" no encoro de Fervenza

"Incumpriu a lei", sinalou o conselleiro de Medio Ambiente ao respecto da actuación da empresa no Xallas, criticando a actitude "ambiciosa" da empresa.

Redacción - 09:00 22/11/2007

"Podería ser unha das causas" da catástrofe, explicou o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, na súa intervención parlamentaria deste mércores, ao tempo que explicaba as obras non autorizadas que a empresa realizaba nos días previos ao baleirado "case total" desta.

Opinou Vázquez que é "difícil de explicar" os motivos polo que se cometeu "unha neglixencia así" por parte dunha concesionaria "con experiencia" na materia. Ademais, aínda que puntualizou que non cre que houbese "ánimo de cometer un delito ambiental", acusouna de abrir as comportas para poder seguir xerando electricidade nos outros tres encoros que xestiona río Xallas abaixo, unha vez que no primeiro xa non podía realizar este proceso. De feito, precisou que as outras presas desta canle se atopaban a máis dun 90%, polo que se reafirmou en que a seca non foi a causa do suceso, tal e como defende a concesionaria. "Houbo un uso excesivamente ambicioso para poder seguir turbinar abaixo", criticou.

Contou tamén que a empresa propiedade de Miguel Ángel Villar-Mir incumpriu a lei vixente, malia contar "cuns servizos xurídicos que fan gala de todo tipo de habilidades". A normativa obrígao a comunicar cun mes de antelación cada baleirado que realice cando a capacidade do encoro non supere o 20%. "Hai unha neglixencia e unha responsabilidade de Ferroatlántica", resaltou. Nesta liña, coincidiu coa deputada do BNG Ana Pontón, que na súa intervención alertou de que xa en 2006 os niveis da presa eran moi baixos con respecto ás outras do mesmo Xallas. "Sempre andan no fío da navalla e esta vez pasáronse da raia", ilustrou Vázquez.

Tamén lembrou que existe un procedemento xudicial aberto tras a denuncia do Seprona para dirimir responsabilidades e que o departamento autonómico incoou dous expedientes sancionadores, un pola xestión e outro pola mortaldade dos peixes, que poden supoñer multas de ata 300 mil euros cada un.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: