Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XORNADAS 'A ARQUITECTURA DESDE GALICIA'

Repensando a fachada do país

O Consello da Cultura Galega acolle as xornadas 'A arquitectura desde Galicia', nas que os profesionais máis recoñecidos do país debaten e reflexionan sobre o estado actual da arquitectura galega

Redacción - 18:25 21/11/2007

A arquitectura constitúe a imaxe que un país quere dar de si mesmo, a fachada (nunca mellor dito) dunha cultura. O Consello da Cultura acolle dúas xornadas de debates sobre a arquitectura galega, coa presenza dalgúns dos creadores que marcaron o camiño nas últimas décadas, como Andrés Fernández-Albalat, César Portela, Manolo Gallego ou Celestino García Braña, mais sen esquecer a novos valores, que haberán de definir as tendencias futuras, como Belinda Besada, Xoán Creus, Belinda Besada, José Antonio Vázquez, Pablo Gallego e Alfonso Salgado.

A sección de Artes Plásticas do Consello da Cultura pousa a súa ollada nesta ocasión sobre Galicia, despois de ter acollido encontros sobre arquitectura de Catalunya, Euskadi e Navarra, Lisboa, Andalucía, Azores ou Madrid, que en conxunto conforman o proxecto "Cultura, Arquitectura e identidade". A temática principal destas xornadas centrarase no estudo da arquitectura actual en Galicia, ao tempo que se reflexionará sobre a arquitectura nos bordos do territorio e da cultura, mediante a presentación de obras e proxectos nos que se debate esa problemática, sempre nesa relación cómplice coa paisaxe e coa cidade. E sempre, en palabras de Iago Seara, coordinador das xornadas, "entendendo a arquitectura como unha parte significativa e implicada na construción da cultura dos pobos".

Programa das xornadas
Na primeira xornada do encontro participou o xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, Luís Álvarez Pousa, cun relatorio sobre "Cidade e comunicación", así coma os arquitectos Gabriel Ruiz Cabrero, Celestino García Braña e Xosé Manuel Casabella. Xa pola os tamén arquitectos Iago Seara, Andrés Fernández Albalat, César Portela e Carlos Quintáns expuxeron o seu punto de vista sobre a arquitectura galega actual.

O día 22 ao longo da mañá intervirán: Manolo Gallego, Alfonso Penela e Alfredo Freixedo e Fernando Blanco. Pola tarde farano Alberto Noguerol, Pilar Díaz, Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera. E a sesión do venres concluirá cunha mesa redonda sobre "Arquitectura da nova xeración" protagonizada por Belinda Besada, Xoán Creus, Alfonso Salgado e José Antonio Vázquez, e moderada por Pablo Gallego.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: