O prototipo creado por Aister e Aimen está construído en aluminio e soldado de xeito robotizado.
Detalle do proceso robotizado de soldadura
Un prototipo de bote de rescate realizado en aliaxes de aluminio e soldado mediante procesos robotizados recibiu o primeiro premio da Feira Internacional de Soldadura, que se desenvolveu na cidade estadounidense de Chicago. O proxecto foi desenvolvido polo estaleiro Aister e o centro tecnolóxico Aimen, co apoio da Xunta, dentro do programa Tecnoloxías de Deseño e Produción Industrial da Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria.
A novidade da embarcación rápida de salvamento é tanto o material co que está construída como o proceso de soldadura que se emprega na súa fabricación. En lugar de poliéster ou fibra de vidro está construído en aliaxes de aluminio, moito máis duradeiro e doado de reparar. A isto haille que sumar que o proceso automatizado de soldadura reduce os defectos que van asociados habitualmente estes materiais. Deste xeito, garántense os requisitos de calidade da Organización Marítima Internacional (OMI).
O modelo de bote de rescate, desenvolvido por investigadores vigueses, entre eles Javier Rasilla e Sonia Barreras, de Aister, e Víctor Pintos e Isabel Villar, de Aimen, presentarase na próxima edición da Feira Internacional da Industria Naval Navalia, que se desenvolverá en Vigo en maio de 2008. Os impulsores do proxecto están a tramitar a homologación do novo prototipo de bote de rescate.