Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VALENTINA CARRO, PREMIO 'PÉREZ PARALLÉ' DE POESÍA

"Das vangardas interésame a súa capacidade para reinventar a realidade cotiá"

Dende Barcelona, onde vive, esta cambadesa descúbrenos algo sobre a súa visión do mundo e da poesía, sempre en movemento, como unha buxaina

Marcos S. Pérez - 10:20 24/11/2007

Debaixo de Dziga Vertov hai unha buxaina impresionou ao xurado do 'Pérez Parallé' pola súa aposta pola poesía de vangarda, e a conexión que establecía coas distintas tradicións poéticas que ao longo do século XX se moveran nese espazo, en Rusia, en Francia, e tamén en Galiza. Quen lea o libro costaralle crer que Valentina Carro ten 23 anos, e que até uns poucos meses non escribía poesía. Quizais a orixe deste libro hai que buscala nas librarías de vello como aquela na que Valentina traballou en Barcelona, ateigada de "persoas curiosas" e dun océano de libros. O Premio Nacional de Poesía 'Pérez Parallé' entrégase este sábado 24 en Fene.

Vieiros: Este premio chega despois de moitos certames e concursos?

Valentina Carro: Non, todo o contrario. De feito, comecei hai moi pouco a escribir poesía. Antes todo o mundo animábame, pero non foi até este verán que me decidín. Levei a cabo un proceso de descubrimento e solteino todo aló por xuño.

Pero si lías poesía, interesábache. Ou non?
Pero dende non hai tanto. Lía máis narrativa.

Marchaches a Barcelona a estudar sobre a restauración de libros...
E traballaba tamén, nunha librería de vello. Foron dous anos moi interesantes, porque nas librarías de vello atópase xente moi curiosa, é un gremio moi especial.

Alí si que tiveches unha relación constante cos libros
Si, de feito era unha libraría especializada en poesía, e sobre todo na poesía surrealista. Tomei contacto con moitos autores que non coñecía.

Algún autor en particular que consideres unha referencia para ti?
Non me gusta escoller así, pero supoño que teño que citar a Cortázar, e a Rayuela, sobre todo. E despois ás vangardas rusas, a Maiakovski, a Kandisnski, porque eu non fago distinción entre campos artísticos. Ou as vangardas francesas e as portuguesas, como Heberto Helder. E as galegas, claro, como Rompente.

O título do poemario é toda unha declaración de intencións. Que che interesa das vangardas?
O seu carácter subversivo, sobre todo, a súa capacidade de reinventar a realidade cotiá. E en concreto, de Dziga Vertov gústame o feito de mudar de nome, de asumir unha identidade axustada a un novo concepto, ¡xira, buxaina!, neste caso, o movemento.

E que trata Debaixo de Dziga Vertov hai unha buxaina?
Pois xorde de lecturas que fago, e de anécdotas que me suceden a min. En certa forma tamén é coma un diálogo con moitas persoas, algunhas doutras época. É como se convidase a cear a un grupo de amigos e conversase con eles. Pero estes amigos son Avendaño, Kandinski ou os Rompente.

Vives en Barcelona. É un 'exilio' temporal?
Si, claro, é provisional. A miña intención é volver a Galiza. Eu son unha contradición en min mesma, porque son de campo, así que en Barcelona boto de menos o verde, e teño que volver a Galiza. E cando estou en Galiza necesito estímulos, e quero volver a Barcelona. E vivo así, entre o verde e os estímulos.

Notas moita diferenza entre a vida cultural catalá e a galega?
Home, en Barcelona tes que pagar por todo... Pero si que a oferta cultural está a anos luz da galega, hai moitas actividades, iniciativas, performances poéticas... Aínda que en poesía en Galiza estanse facendo cousas moi boas.

Retomando o tema da buxaina, cres que a cultura galega necesita xirar máis á presa?
Eu creo que o que lle falta moitas veces é crer en si mesma. Creo que esa é unha das grandes diferenzas coa cultura catalá. Por exemplo á hora de empregar a lingua propia, e a consideración que dela se ten.

Valentina, noraboa e grazas, sobre todo
Grazas a ti. Que os petos se che enchan de nubes.


4,5/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: