Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O ARTISTA PARTICIPA NA BIENAL DE VENECIA

Manuel Vilariño, Premio Nacional de Fotografía

A máxima distinción a nivel estatal vén para Galiza, recoñecendo a obra e a traxectoria do coruñés.

Redacción / EP - 14:36 20/11/2007

Manuel Vilariño resultou gañador este martes do 'Premio Nacional de Fotografía 2007'. O galardón, creado e concedido polo Ministerio español de Cultura, está dotado con 30.000 euros. O artista é un dos representantes da 52ª edición da Bienal de Venecia, que está a piques de pechar.

Vilariño, nacido na Coruña en 1952, é fotógrafo, poeta e pintor. O artista comezou a expor como fotógrafo na mostra colectiva en Ferrol, en 1983, facéndoo máis tarde en diversas cidades de Galiza, do Estado, de Europa e de América, desde Cuba a Estados Unidos.

A súa consagración chegoulle en 2002, cando acolleu unha importante exposición súa o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago, con estudos sobre a súa obra de Fernández-Cid, Chantal Maillard, Félix Duque e Alberto Ruíz de Samaniego, e un poema de Antonio Gamoneda.

A súa arte é consecuencia dun mundo propio e reflexivo, onde combina o morto co evocativo e sorprende ao espectador pola súa potencia poética. As criaturas que aparentan estar vivas ou perfectamente mortas aparecen vendadas, envolvidas, aderezadas de fitas e adminículos diversos.

A súa obra figura no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, no CGAC de Santiago, Fine Arts Museum de Houston, Colección Coca-Cola, Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa da Coruña e outros moitos de Europa e Estados Unidos, así como en importantes coleccións institucionais, entre elas a da Xunta de Galicia.


2,6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: