Organizadas pola Unión Libertaria, as Xornadas Libertarias contan cunha homenaxe ás vítimas do fascismo español e con debates sobre a defensa do medio e o activismo cidadán.
Despois de que a semana pasada se desenvolvesen en Compostela as XV Xornadas Libertarias, organizadas pola CNT, agora é a quenda de Ferrol. Desta volta as xornadas están organizadas pola Unión Libertaria e teñen lugar no Espazo Libertario (Avda Esteiro, 10 baixo) até a sexta feira.
Na segunda desenvolveuse un debate sobre a cimeira do G-8 en Rostock (Alemaña), celebrada no mes de xuño, que reuniu os dirixentes dos oito países máis poderosos do mundo, a perpetrar, outra volta, as súas políticas de desequilibrio territorial, desigualdade e destrución do medio. Dous activistas galegos contaron a súa experiencia en Ferrol.
O programa para toda a semana
Na terza feira, coincidindo co 20-N, faráselle unha homenaxe ás vítimas do franquismo ferrolás (ás 18:30 horas no antigo cemiterio de Canido) e despois haberá un momento para conversar cun militante antifranquista dos anos 40, no apartado Conversas coa memoria.
A cuarta feira falarase sobre a "Crise enerxética, sustentabilidade e utopía", e proxectarase o documental Petróleo, humo y reflejos. No día a seguir haberá un momento para falar dun dos problemas medioambientais meirandes aos que se enfrontan os ferroláns: a planta de gas de Reganosa. No debate participarán representantes das loita contra a planta de gas da cidade, como ADEGA, AMAL, Plataforma Ártabra21, Asociación Cultural Fuco Buxán e o Espazo Libertario.
As xornadas pecharanse a sexta feira cun roteiro ciclista pola cidade, e despois haberá unha conversa cos membros da Masa Crítica da Coruña, que falarán das experiencias das masas críticas na súa cidade e a filosofía deste movemento.