Este mércores o Cineclube de Compostela proxectará a primeira parte de Despois de..., un documental sobre a preparación do golpe de Estado do 23F que non puido ser visto en España entre 1981 e 1983
Este mércores 21 de Novembro, o Cineclube de Compostela proxecta o documentario Despois de... Primeira parte: Non se vos pode deixar sós, de Cecilia Bartolomé e José Juan Bartolomé, primeira das dúas partes independentes de Despois de..., dentro da súa programación dedicada ao cinema antifranquista. A proxección terá lugar no Centro Social O Pichel (Santa Clara, 21), e a entrada é de balde.
Dividido en dous filmes, o proxecto que se conformaría so o título de Despois de... reflectía tres dos primeiros anos da segunda restauración borbónica, os que van desde 1979 até o golpe do 23 de febreiro de 1981, que se vai prevendo nos posicionamentos dalgúns dos entrevistados. José Juan Bartolomé, que tiña a experiencia de ter colaborado na rodaxe de A batalla de Chile de Patricio Guzmán, e a súa irmá Cecilia, que xa realizara algún documentario previo, reflicten con detalle as distintas manifestacións e posicionamentos da sociedade destes anos, desde a resistencia da esquerda até os posicionamentos golpistas de Fuerza Nueva ou os militares.
Despois da rodaxe, e malia que o golpe do 23-F fose considerado como fracasado, as consecuencias para o filme foron semellantes ás do seu triunfo. Acusouse aos cineastas de "bipolarizar o país" e censurouse, de maneira encuberta, o documentario: fóronlle retiradas as subvencións e sofreu unha tentativa de secuestro. Durante dous anos, o filme foi denunciado perante o ministerio fiscal como "constitutivo de delito", polo que até 1983 só puido proxectarse en televisións de fóra do estado e deixou de ser considerado como un filme de "nacionalidade española".
A semana que ven, o 28 de Novembro, o Cineclube proxectará a segunda parte de Despois de..., a titulada Atado e ben atado, coa que rematará o ciclo ao que ven dedicando o mes de Novembro.
Programación para as vindeiras semanas:
Mércores 28 de Novembro ás 22:00
Despois de... Segunda parte: Atado e ben atado
(Después de... segunda parte: Atado y bien atado, Cecilia Bartolomé e Juan José Bartolomé, Estado Español, 1983, 90″, VO)
Mércores 5 de Decembro ás 22:00
O peirao
(La jetée, Chris Marker, Franza, 1962, 28″, VOSG)
A rabia
(La rabbia, Pier Paolo Pasolini, Italia, 1963, 50″, VOSG)
Mércores 12 de Decembro ás 22:00
La morte rouge
(La morte rouge, Víctor Erice, Estado Español, 2006, 32″, VO)
Tempo de viaxe
(Tempo di viaggio, Tonino Guerra e Andrei Tarkovski, Italia, 1983, 62″, VOSG)
Mércores 19 de Decembro ás 22:00
A plataforma
(Zhantai, Jia Zhang-Ke, China / Hong Kong / Xapón / Franza, 2000, 108″, VOSG)