Cando menos 2.300 persoas morreron e as estimacións falan xa de arredor de 10 mil mortes posíbeis, despois do paso do ciclón.
Hai case corenta anos que un mortífero ciclón zoupu sobre Bangladesh deixando a pegada de máis de medio millón de persoas mortas. Desde aquela, os programas de alerta fronte a trebóns foron despregados polas administracións, desenvolvendo entre outros unha rede de refuxios para este tipo de situacións e contribuíndo así a afrouxar o seu impacto no país.
Con todo, a estrema pobreza da rexión e as precarias condicións de vida de gran parte da poboación, seguen expoñendo o país a catástrofes como a vivida estes días. As zonas máis afectadas de Bangladesh polo ciclón Sidr permanecen sen acceso a comida nin auga potábel, e algunhas das principais rotas de acceso quedaron bloqueadas, complicando a distribución de alimentos e menciñas.
O 90% da colleita, derramada
'Sidr' xa é o ciclón máis mortífero da última década e o máis devastador dos últimos cincuenta anos: destruíu centos de miles de vivendas no sudoeste de Bangladesh tras tocar terra o pasado xoves e acabou cun 90% da colleita.
Moitos dos evacuados, que este domingo puideron regresar ás súas vivendas, atopáronas arrasadas pola tormenta, xa que a maior parte delas están construídas con palla e bambú.