"Inmediatamente despois do 10 de decembro, as institucións do país declararán a independencia", declarou.
Hashim Thaçi deberá liderar Cosova cara a independencia
O antigo dirixente do Exército de Liberación de Cosova (UÇK) Hashim Thaçi conseguiría a vitoria nas eleccións lexislativas para o parlamento desta actual provincia serbia, segundo un reconto extraoficial divulgado por Democracia en Acción, unha fiábel coalición de ONGs locais.
Segundo estes primeiros datos, o Partido Democrático de Cosova (PDK) de Thaçi lograría o 35% dos votos, fronte ao 23% logrado pola Liga Democrática de Cosova (LDK). Estes resultados confirman as sondaxes previas, que auguraban a caída da LDK, partido tradicionalmente hexemónico. No entanto, este resultado non lle permitiría gobernar en solitario.
"Inmediatamente despois do 10 de decembro, as institucións de Kósovo declararán a independencia", prometeu Thaçi este sábado tras depositar o seu voto. Esta é a data límite fixada para que Estados Unidos, Rusia e a UE presenten o seu informe final sobre as conversacións entre Belgrado e Pristina sobre o estatuto final da provincia.
Baixa participación
Os primeiros resultados oficiais dos comicios comezaranse a coñecerse nuns días e os definitivos serán anunciados a finais de mes. O dato negativo da xornada, que transcorreu sen incidentes graves foi a escasa participación. A Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa informou que esta oscilou oscila entre o 40% e o 45%.