Comeza o sábado e continúa todo o domingo con actividades lúdicas e formativas. O festival das artes pola diversidade cumpre cinco anos.
A grande Feira Ecolóxica de Galiza abre un ano máis as súas portas cunha ampla e variada programación pensada para todo o mundo, con actividades formativas (escola de formación Formaterra), unha sección de denuncia (Altofalante) e actividades lúdicas, como os Xogos da Terra.
O Terractiva, no compromiso ca vida
Este festival renace, un ano máis, da repulsa a desfeita mediambiental do urbanismo disparatado, das grandes infraestruturas (recheos, piscifactorías, portos deportivos, parques eólicos...) e abraza as loitas contra a voráxine destrutora capitalista que manteñen o facho aceso por todo o país. Por iso toda a cidadanía está convidada.
A loita pola biodiversidade en Galiza
Terractiva é un dos meirandes (e tamén dos poucos) festivais que en Galiza protagonizan a loita pola diversidade e de defensa do medio, as artes e a cultura.
Xa van aló cinco anos traballando a prol da defensa da terra, potenciando unha cultura de consumo responsábel, respectuoso co ambiente. O que agora cumpría era facerlle un mercado máis amplo a este tipo de eventos, segundo contan os organizadores, ao tempo que se lle procura un espazo meirande aos produtos ecolóxicos galegos, tentando poñer en contacto o movemento ecoloxista e os produtores agrícolas galegos.
Despois de divulgar, concienciar, educar, divertir...
Hai un anaco dedicado á música, co Festival Galeuzca, un compromiso coas tendencias musicais de Galiza, Euskadi e Cataluña. Desta volta o concerto organízase en defensa da ría e nel van participar os Oskorri, chegados de Euskadi; os galegos Marful; e os cataláns Ensaladilla So Insistent. Será o sábado ás 21:00 horas.