O Consello da Xunta deulle beizón ao organismo encargado de revitalizar o sector e garantir a súa proxección exterior.
Terá a meta de consolidar o tecido industrial do sector cultural do país, creando as mellores condicións para que as empresas poidan ter garantidos "ingresos suficientes e estábeis". Cara á ese obxectivo hai unha estratexia dobre. Dunha banda o fomento da comercialización de bens e servizos culturais "de calidade", estimulando a difusión da lingua e da cultura galegas como "elementos singularizadores". De xeito paralelo, preténdese fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade e á vez aumentar a exportación. Substitúe ao Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, o IGAEM, ampliando as súas competencias a todos os eidos da cultura.
Poderá participar en consorcios, conceder subvencións e favorecer a obtención de liñas de créditos en condicións vantaxosas. Intermediará entre empresas e IGAPE, especialmente en grandes proxectos da iniciativa privada e fomentará a creación e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais. Un consello asesor con representación dos sectores culturais apoiará o seu traballo a pé "da realidade das industrias culturais e as súas necesidades".