O xurado salienta a "audacia vangardista da obra", e cualifícaa de "aposta literaria de primerísima magnitude".
Acto de concesión do XIX Torrente Ballester
O avogado e profesor de Dereito Xosé Manuel Pacho Blanco, coa súa obra A choiva do mundo, foi o gañador da XIX edición do premio de narrativa Gonzalo Torrente Ballester, convocado pola Deputación da Coruña, e dotado con 25.000 euros
No acto de concesión do premio, o crítico literario Angel Basanta, que actuou como voceiro do xurado, cualificou a obra de Xosé Manuel Pacho Blanco como "unha aposta literaria de primerísima magnitude. O amor, o desamor, a morte, a tolemia están presentes na obra, nun galego cosmopolita. Utiliza como fío conductor os grandes temas de sempre para reflexionar sobre a complexidade do ser humano".
"É un texto que supón unha aposta literaria extraordinaria", insistiu Angel Basanta, para quen "é unha novela que dará que falar, unha novela de temática galega de sempre, pero levada ao mundo". Definiu tamén a obra como de "audacia vangardista".
Este ano presentáronse ao certame máis de 300 obras, procedentes de 18 países. O xurado do premio Torrente Ballester foi presidido polo titular da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e estivo formado pola deputada provincial e responsábel da área de Cultura, Caridad González Cerviño, e polos críticos literarios Mercedes Monmany (comisaria do premio), Ángel Basanta, Amalia Iglesias, Ignacio Martínez de Pisón, José Mª Paz Gago, José A. Ponte Far e José Manuel Pozuelo Yvancos.