A detección é froito das análises realizadas logo do abrocho da enfermidade en terras vascas. De todo o gando chegado de aló, só un animal deu positivo.
O protocolo activado pola Consellaría do Medio Rural detectou un total de seis animais de especies sensíbeis que chegaran de Euskadi. As análises posteriores confirmaron a presenza do virus nun deles, sendo inmediatamente sacrificado. Procedía dunha explotación gandeira de Galdames, en Biscaia, onde desde o pasado 2 de novembro se estabeleceu un plan especial de vacinación e control sanitario.
Segundo a Xunta, nos últimos dous meses só chegaron de Euskadi a explotacións galegas tres lotes de gando, sendo xa todos inspeccionados polos servizos veterinarios oficiais co resultado deste positivo. A granxa onde se atopou foi inmobilizada e revisáronse tamén as granxas próximas para descartar a presenza da enfermidade na zona. Até o de agora non se atopou ningún indicio de que puidese haber un abrollo de "lingua azul" en Galiza, onde ademais, hai unha escasa presenza dos mosquitos transmisores do andazo. Desde o Goberno lembran ademais que se trata dunha enfermidade vírica que lle afecta exclusivamente a especies gandeiras.
Desde o Ministerio de Agricultura consideran que a enfermidade está controlada a nivel estatal e destacan o programa de vacinacións despregado, co que agardan controlar a expansión do mal da lingua azul en pouco tempo.