Segundo o inventario global de emisións resultado da produción de enerxía eléctrica.
Con 2530 millóns de toneladas de CO2 anual, e 2400 millóns respectivamente, os Estados Unidos e China sitúanse ben á cabeza dos contaminantes planetarios. Son cifras publicadas polo centro Carbon Monitoring Action, CARMA, que reúne datos proporcionados directamente polo sector privado en plantas de todos os tamaños, de todo tipo de combustíbel e en todo o mundo.
Alén desas grandes cifras, o informe que acaban de presentar permite ver tamén que outros países posúen plantas con taxas máis ineficientes que os grandes xigantes. Así por exemplo, Australia, que se ben é sétima no ránking total, con 205 millóns de toneladas de CO2 ao ano, ofrece unha taxa per cápita de 10 toneladas por habitante e ano, maior mesmo á dos EUA, que está en 8,5 toneladas.
Desde o Centro para o Desenvolvemento Global, promotores do CARMA, advirten de que a evolución indica que os países en desenvolvemento están superando xa aos ricos en canto ás emisións de CO2. Así por exemplo, mentres que a previsión de aumento de emisións nos EUA é dun 20% para os próximos dez anos, no mesmo treito China vai duplicar as súas e a India vainas triplicar.