Os privilexios lexislativos e as inxeccións económicas non son abondo para as empresas. Stolt Sea Farm bótalle agora o pulso ao Goberno.
Hai poucos días que milleiros de cidadáns se concentraron en Corrubedo en protesta contra un plan acuícola cualificado de "inxusto e indecente".
Subliñaban os colectivos convocantes os privilexios dos que goza a actividade acuícola en Galiza, con garantía de até 3,3 millóns de metros cadrados, segundo sinala o novo Plan Galego de Acuicultura, para proxectos cunha elevada rendabilidade particular malia a súa feble contribución socioeconómica aos lugares onde se asenta.
Stolt Sea Farm comunicou esta semana, a través da Asociación Estatal de Fabricantes de Conservas de Pescado, ANFACO, a súa preocupación polos "efectos negativos" que tería a revogación de concesións acuícolas que se produciría vencellada ás novas esixencias do Ministerio de Medio Ambiente. En concreto, a empresa teme pola súa planta en Muxía, "inviábel" segundo as normas que se aplicarían.
Nese escenario, e malia os privilexios na busca de espazos e as importantes subvencións, de até case a metade do investimento necesario para as plantas, Stolt Sea Farm trata agora de presentar, coma o fixera Pescanova, o desvío de proxectos de inversión cara a fóra de Galiza. Neste caso, a empresa fala da busca de terreos en Marrocos onde gastaría até 100 millóns de euros na construción dunha nova planta.
Aliados na oposición
Nesta loita, as empresas atoparon o apoio firme do PPdeG. Os populares xa se aliñaran con claridade do lado de Pescanova apoiando sen fendas os intereses da empresa, e asegurando que no caso de recuperar o poder autorizarían os proxectos cancelados polo actual Goberno. Entre outros, o PPdeG subliñou a súa intención de permitir, no caso de volver ao executivo, a polémica piscifactoría que xa lle autorizara no seu momento á empresa en pleno espazo da Rede Natura.
Agora, o PPdeG sae tamén en defensa de Stolt Sea Farm. "Primeiro Pescanova marcha a Portugal e agora outra multinacional, Stolt Sea Farm, vaise ir até Marrocos", analizou o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, "Creo que comezan a acenderse todas as alarmas", teimou, solicitando que se modifique o plan acuícola "e se recupere ese consenso".