Nove compañías galegas van exhibir as súas funcións teatrais fóra do noso país como resultado da feira organizada en outubro polo IGAEM e a Consellaría de Cultura.
As compañías galegas ofrecerán os seus espectáculos en diversas localizacións de fóra de Galiza, como son Castela-A Mancha, Euskadi, Madrid, Asturias, Extremadura, Porto e Paredes de Coura, a raíz dos contratos pechados na Feira Galega das Artes Escénicas deste ano 2007, celebrada en Compostela entre o 23 e o 27 de outubro.
Títeres Trompicallo pechou un total de 21 funcións do seu espectáculo Bolboreta en diferentes escenarios de Castela-A Mancha e seis máis en Euskadi; pola súa parte, Acontrabutaca ofrecerá 18 pases do seu Robin Hood no teatro Calderón de Madrid e Lagarta Lagara representará As últimas lúas en Guadalaxara. Sarabela Teatro, representará Margar no pazo do tempo en Porto e Nut Teatro fará o propio con Corpos disidentes no Festival Internacional de Teatro e Expresión Ibérica (FITEI) tamén en Porto.
PistaCatro, con Kamikaze; e Mago Antón ofrecerán tamén as súas representacións na localidade portuguesa de Paredes de Coura e Monicreques de Kukas levará tres espectáculos (Sen título, Un agasallo para Xaquín e A doncela guerreira), cun total de 24 representacións a distintos puntos de Asturias, Castela-A Mancha e Extremadura; por último, Matarile Teatro fará cinco pases da súa obra Truenos y misterios en Madrid.
Novos tempos para o teatro
Ademais das representacións no exterior, tamén hai que engadir aos logros desta feira organizada pola Consellería de Cultura e o IGAEM, o incremento nas representacións concertadas con programadores galegos. Estes datos reflicten o éxito da nova liña de promoción posta en marcha polo IGAEM na que se bonifica a contratación de montaxes galegas, así como a consolidación desta Feira Galega das Artes Escénicas como mercado destinado á compravenda de espectáculos.