Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONFLITO

Enfrontamento entre Fatah e Hamas en Gaza

Dende Belén, o profesor Moncho Míguez Iglesias relátanos os últimos enfrentamentos entre as dúas principais forzas palestinas.

Moncho Iglesias - 11:08 13/11/2007

O sábado 11 de novembro é o aniversario do cabodano de Arafat, líder palestino, do movemento Fatah, morto hai tres anos. Para tal día organizáronse diversos eventos que se prolongaron ata o luns. Así, o sábado descubriuse un mausoleo na súa honra na Muqata, sede do parlamento palestino en Ramallah. Noutras cidades houbo diversas manifestacións, que remataron co enfrontamento en Gaza entre grupos afiliados a Hamas e simpatizantes de Fatah.

Desafiando a política de Hamas, sempre crítica co goberno formado por Fatah, incluso durante a vida de Arafat, máis de duascentas mil persoas reuníronse no centro da cidade de Gaza na tarde do luns. A concentración pacífica rematou de xeito caótico, coas milicias de Hamas disparando contra os convocados, que responderon lanzando pedras e escapando en busca de refuxio. En medio destes actos violentos, morreron sete civís e houbo máis de cen feridos.

A tensión comezou pola mañá, cando a policía afiliada a Hamas ocupou as rúas de Gaza, imposibilitando, de acordo aos membros de Fatah, que se colgasen carteis que invitaban á manifestación desa mesma tarde. Durante a xuntanza, os seguidores de Fatah comezaron a cantar proclamas en contra de Hamas, tachándoos de seguidores de Irán, con berros de “xiítas” -grupo islamita contrario ao sunnita, o da poboación palestina.

Os líderes de Fatah en Cisxordania piden vinganza polas mortes e que non se esqueza o sangue derramado por estes mártires. Deste xeito, comercios, colexios e universidades permanecen pechados, por medo a calquera tipo de acto violento, comezando un período de tres días de loito nacional.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: