Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
a morte dun río e a deterioración dos últimos redutos de bosque atlántico

Catástrofe ecolóxica no Xallas: a Xunta paga a súa permisividade con Villar Mir

Diante da grave situación que atravesa o encoro da Fervenza, no Xallas, con evidentes irregularidades e continuos incumprimentos dos caudais ecolóxicos que xa deixaron milleiros de peixes mortos, a Xunta ven de anunciar a apertura dunha investigación. No entanto, ADEGA lembra que en xullo deste ano, a Xunta concedeu 3 novos aproveitamentos a Ferroatlántica, enaxenando de facto o treito final do Xallas a Villar Mir. Con estes, son xa 8 centrais hidroeléctricas 4 encoros nun treito de 9 km de río, por non falar do "secuestro" dunha das marabillas naturais de Europa: a fervenza do Xallas no Ézaro.

ADEGA - 14:40 12/11/2007
Tags:

Deste xeito, a Xunta certificou a morte dun río e a deterioración dos últimos redutos de bosque atlántico ben conservado (a Devesa de Anllares) da provincia da Coruña. É absolutamente inmoral permitir por acción u omisión a enaxenación dun río, un recurso público, aos intereses privados. En que quedou pois a moratoria das minicentrais (lembremos tamén a da Hermida no Umia) mentres non se aprobaba un novo Plano Sectorial Hidroeléctrico, aínda en fase de elaboración, e a Lei de Protección dos Ríos Galegos, aprobada por unanimidade logo dunha ILP?

O río Xallas é o sistema fluvial con maior potencia instalada dentro dos sistemas de explotación hidroeléctrica das bacías de Galiza-Costa. Son 134 MW o que supón o 28,13% do total da potencia instalada en Galiza-Costa repartidos en catro centrais, sendo o encoro da Fervenza o maior en canto a ocupación en hectáreas.

A concesión en xullo pasado de 3 novos aproveitamentos podería sobardar, como indicaba ADEGA nas súas alegacións, a capacidade de recuperación ambiental deste río, comoprometendo gravemente a súa viabilidade ecolóxica.

Instalacións como o encoro de Santa Uxía vulneran o caudal ecolóxico establecido polo artigo 22 da Lei 7/1992, de Pesca Fluvial, e o artigo 75 do regulamento 130/1997 que desenvolve a devandita lei. Neste caso unha concesión do 2001 modificou este aproveitamento na bacía do Xallas, a cambio dunha brusca liberación de caudal durante dúas horas os fins de semana e 10 festivos ao ano, provocando que o leito do río fique prácticamente seco en épocas de estiaxe, con caudais medios por baixo dos 0,5 m3/s. Incúmprese deste xeito a obrigatoriedade de respectar a liberación paulatina dos caudais resultantes do aproveitamento hidraúlico e as propias directrices do vixente Plano Sectorial Hidroeléctrico Galiza-Costa.

Para ADEGA resulta inadmisíbel que se autorizaran novos aproveitamentos no Xallas que só virían a agravar a situación criada polos reiterados incumprimentos dos caudais ecolóxicos e do rexime de liberación dos fluxos encorados. A Xunta é pois responsábel da actual catástrofe ecolóxica no Xallas. Non abonda con abrir unha investigación: hai que depurar responsabilidades, comezando polas da propia administración. Por iso ADEGA solicita novamente a destitución do Presidente de Augas de Galiza por permitir, coa súa política de mirar para outro lado, a consumación dunha catástrofe anunciada.

E de comprobárense a responsabilidade por malas práticas de Ferroatlántica, esiximos desta volta sancións exemplares: non abonda cunha simples multa, hai que resgatar os dereitos de explotación que a cidadanía galega outorgou a Villar Mir e rematar coa vergoña de termos o único río do mundo que desauga de 12 a 14 en fin de senana e festivos.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: