Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
V Xornadas Sindur de Comunidades Virtuais, Territorio e Innovación Tecnolóxica

Poden ser as comunidades virtuais unha axuda no progreso social e económico?

Estas xornadas son un foro de debate e intercambio de coñecemento entre investigadores e técnicos de institucións con interese na análise e desenvolvemento da Sociedade da Informción a nivel social, económico, cultural e territorial.

Redacción - 10:37 12/11/2007

As Xornadas Sindur desenvólvense anualmente, dende o 2003, no marco do Proxecto SINDUR (Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano e Rexional), financiado polos Plans Estatal e Galego de I+D+i do Ministerio de Educación e Ciencia e da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.

Esta quinta edición, (que comezará na segunda feira 12 de novembro na Facultade de Xeografía e Historia da USC) está focalizada no estudo e reflexión crítica sobre a viabilidade das Comunidades Virtuais como entidades activas nos procesos de desenvolvemento territorial e de innovación económica, fixándose, sobre todo, nos casos galegos e portugueses.

Do que se trata é de dar desposta á pregunta: poden ser as comunidades virtuais unha axuda no progreso social e económico? Como e de que forma? Para isto teranse presente que os conceptos de periferia e de distancia poden chegar a desaparecer, até formar novas xeografías do coñecemento e novas sociedades interconectadas.

Programa das xornadas
As xornadas comezan o día 12 de novembro, de mañá. Ás 09:30 ábrense as portas e ás 10:00 hai unha conferencia de Carlos Ferrás Sexto sobre as Comunidades Virtuais e Desenvolvemento Urbano-Rexional. Ás 10:30 Antonio Pérez Casas falará do Plan Galego da Sociedade da Información Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información Xunta de Galicia; e ás 11:00 horas presentarase o Museo Virtual Universitario-Semana da Ciencia da Fundación CEER, coa presenza do reitor da Universidade de Santiago, o presidente da Fundación CEER e o director Xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria. Media hora máis tarde haberá un momento para o café e para facer unha visita ao CEER-Museo no claustro da facultade.

Despois, a partir do mediodía comezará unha Táboa de Debate que leva por título, Comunidades Virtuais e Desenvolvemento Socioeconómico? Nela participan o Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio, da USC; o Grupo de Investigación Novos Medios da USC; o Grupo de Investigación Xeografía e Innovación Económica da Universidade do Porto; o Centro de Supercomputación de Galicia, o xornal electrónico Vieiros.com; La Voz de Galicia Dixital; El Correo Gallego Dixital; a Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Xunta de Galicia; e Uniemprende, da USC.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: