O Teatro Principal de Compostela acolle este venres ás 21:00 a estrea do documental de Margarita Ledo; a historia de Enrique Líster a través da persoal ollada da cineasta.
Un neno de aldea que chegou a xeneral de catro exércitos (o republicano, o ruso, o polaco e o iugoslavo), que naceu co nome de Xesús Liste e morreu co de Enrique Líster, emigrante perpetuo.
Xesús Liste -de pai canteiro e de nai campesiña- emigra a Cuba no 1918, con once anos, e a súa historia vai parella coa do século XX: no 27 entra no Partido Comunista Cubano, no intre da súa fundación, e no 28 regresa a Galiza e organiza o Sindicato de Oficios Varios da súa comarca, Teo. O cárcere e unha dura condea pendente aconsellan que saia cara Moscú.
Cando volve, no 35, responsabilízase do traballo antimilitarista nos cuarteis de Madrid. Entón sucédense as guerras: a civil, e a súa loita pola República. A mundial, e a súa intervención como xeneral nos exércitos do Leste. A Fría, cando marcha para Cuba e forma parte do Consello da Paz.
Como indica Margarita Ledo, é unha honra presentar este filme nunha cidade onde el entrou nas células comunistas, onde a xente veu andando dende Calo, para apoialo, cando o levaron preso, unha cidade que aínda o ten presente no seu imaxinario.
Incide tamén en que Cineuropa é o lugar propio para o cinema "propio, europeo, autoral", como neste caso.
Conta Ledo como viviu durante tres anos a vida de Líster, mergullándose de cheo nos moitos e diversos "Lísters latentes" que coexistían. O documental vai alén da reportaxe biográfica, precisamente por retratar esta personalidade complexa, non liñal: "cando empecei a explorar este retrato, interesoume moito a creba que vivía Europa, e como Líster mantiña invariábel o seu modo de pensar".
O material fílmico abrangue dende o imaxinario que arrodea ao personaxe, os filmes de familia, os lugares, os arquivos oficiais.. E mesmo creación, xa que se introduce unha parte dramatizada coa colaboración de Mónica Camaño, Zé Paredes, Anxo Laborda e Margarita Fernández. Para esta parte contouse coa dirección artística de Ricard Salvat e coa moi especial ollada cinematográfica de Markus Döhne e Bernardo Tejeda.
O proceso de creación
Eles tres estiveron tamén presentes na conferencia de prensa: Salvat falou, pola súa parte, do seu coñecemento persoal de Líster a través do Consello Mundial da Paz: "cando viaxas con alguén acabas por coñecer o seu lado máis humano. Líster era un home con moito respecto pola cultura, que creaba un grupo de fieis alá onde ía".
Döhne, pola súa parte, salientou que o seu traballo é "sobre a alma da fotografía, son escultor aínda que traballe con fotografía". José Luis Losa, director de Cineuropa, afirmou o risco asumido pola cineasta "á hora de atreverse con Líster", e subliñou a relevancia deste personaxe a nivel internacional. E Bernardo tejeda, pola súa parte, incidiu na "dimensión caleidoscópica" do filme, en que diversos elementos configuran a historia. Diversos Líster, unha historia parella á dun século convulso, que poderemos coñecer este venres.