Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Déficit grave no porto exterior da Coruña

Máis de 600 millóns de investimento e sen espazo para contedores

A actividade económica neste eido quedará freada, segundo recoñeceu o presidente da Autoridade Portuaria. Para a CIG, isto confirma que a iniciativa foi pensada unicamente como manobra especulativa inmobiliaria.

Redacción - 17:00 08/11/2007

Os grandes portos do mundo teñen no comercio de contedores unha das súas principais actividades e á vez unha das fontes de ingresos máis importantes. A evolución do transporte marítimo neste sentido motiva que cada ano os peiraos incrementen ademais o seu volume de actividade no tráfico de contedores. Un volume de negocio que actúa como estímulo para a área de influencia dos portos, e que require de espazos necesarios e da previsión do aumento constante da actividade.

Paradoxalmente, o porto exterior da Coruña, onde se investirán máis de 600 millóns de euros, desde o principio nace eivado para competir neste mercado. O propio presidente da Autoridade Portuaria, Macario Fernández Alonso, recoñeceu esta semana o déficit dos novos peiraos coruñeses neste ámbito. A futura dársena, de case un quilómetro de lonxitude, non prevé acoller os contedores. Fernández Alonso explica que só abranguerá "o molesto da cidade", en referencia entre outros ao petróleo e carbón. O responsábel da Autoridade Portuaria da Coruña indicou que de xeito provisional poderá aproveitarse o porto actual, pero non habería plans de futuro ao respecto do peirao exterior.

Freo ao desenvolvemento económico da comarca
"É un obstáculo infranqueábel para que o porto exterior poida chegar a converterse en revulsivo para o desenvolvemento económico e industrial da comarca", láianse desde a CIG. Para a formación sindical, as afirmacións de Macario Fernández Alonso "condenan á Coruña a seguir sen o tráfico de contedores necesario para o despegue do seu porto".

Para a CIG, esta situación confirma que a construción do porto exterior en Punta Langosteira, deseñouse principalmente como operación de especulación inmobiliaria, no canto de existir un plan rigoroso para a súa conversión en motor de crecemento da comarca.

Sobre o tema pronunciárase tamén esta semana Henrique Tello, tenente de alcalde e responsábel de Promoción Económica, quen subliñou que A Coruña non pode renunciar a este potencial de negocio e sinalou que os apenas 4 mil metros cadrados dos que se dispón no peirao actual xa non cobren unha demanda que multiplica por moito a dispoñibilidade. Tello anunciou que esixirá no consello de administración da Autoridade Portuaria que se corrixa a situación.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: