Esta cuarta feira de mañá presentou, xunto co presidente de federación de fútbol, Carlos Meana, os rivais das seleccións galegas, porque hai dúas: este Nadal estreamos selección feminina.
Camerún e Cataluña serán os rivais das seleccións masculina e feminina, respectivamente, o próximo día 27 de decembro en Balaídos.
Que vaiamos contar, dende Nadal, cunha selección feminina de fútbol foi a principal novidade da conferencia de prensa ofrecida por Marta Souto e Carlos Meana no mediodía da cuarta feira.
É a quenda das mulleres
Despois de dous anos nos que a protagonista foi a selección masculina, é o momento do equipo feminino, que debutará o próximo día 27 de decembro en Balaídos fronte a Cataluña. Posteriormente, será o equipo masculino o que salte ao céspede do estadio vigués e terá enfronte ao potente conxunto de Camerún.
En contacto con Pilar Neira, que podería ser a nova seleccionadora
Para Marta Souto, destacou que este novo partido significa que "seguimos adiante co noso proxecto das seleccións galegas nacionais (e este ano, ademais, co debut da selección galega feminina), nese esforzo, nese traballo que estamos realizando dende a Dirección Xeral para o Deporte para lograr a equiparación do deporte masculino e feminino". Con respecto a seleccionadora do equipo feminino, Souto explicou que se está en contacto coa coruñesa Pilar Neira.
Pola súa parte Carlos Meana dixo que "estes partidos son moi esperados pola sociedade galega e son posibles grazas ao apoio da administración galega". Meana tamén destacou a colaboración do Celta, dos clubes, dos xogadores e xogadoras e dos corpos técnicos que "colaboran de forma desinteresada na posta en marcha deste proxecto".
O 27 de decembro: a festa do fútbol nacional
"Baixo o lema A igual esforzo, igual recoñecemento dámoslle pulo ao deporte feminino" dixo a directora xeral, insistindo na importancia que para a Consellaría ten este primeiro encontro do equipo feminino, "xa que tiñamos unha débeda coas mulleres pioneiras".