Siareir@s Galeg@s convoca para o vindeiro sábado unha asemblea aberta. Falamos co responsábel comarcal de Compostela sobre as reivindicacións do colectivo.
O vindeiro sábado 10 de Novembro Siareir@s Galeg@s convoca unha asemblea, aberta a todo o mundo que queira ir, en Compostela. É ás 18:00 horas no local nacional da CIG, no barrio de San Lázaro.
Tras anos traballando polas seleccións nacionais e pola dignificación e recoñecemento oficial a nivel internacional de deporte galego, SSGG precisa máis apoio, xa que, segundo Davide, responsábel comarcal do colectivo en Compostela, "aínda fica moito por facer".
Vieiros: Que temas van tratar na xuntanza do sábado?
Davide: Ímonos reunir para falar, entre outras cousas, das actividades que imos organizar de cara ao vindeiro partido da selección galega de fútbol, que se celebrará este inverno en Vigo.
A asemblea está aberta a todo o mundo e con ela tentamos darlle un novo pulo ao movemento... que nazan novas asembleas nas comarcas para, deste xeito, darlle máis forza ás accións do colectivo. Agora SSGG inclúe grande parte do tecido asociativo de Galiza, mais debemos renovar o movemento e darlle forza. Que cheguen novas ideas, novas actividades, novos materiais... o que importa é que todo o mundo veña participar.
Que saben xa do novo partido da selección galega de fútbol?
Sabemos que é contra un rival africano, pero non moito máis. De todos os xeitos nós imos seguir a colaborar coa Dirección Xeral para o Deporte como os anos pasados (na organización dos seareiros, xa que temos que mover 3 mil persoas), mais tamén imos seguir coas nosas reivindicacións.
O que cremos é que a elección dos rivais debería ser máis significativa, e non tomada á lixeira. Deberíamos xogar contra equipos máis relacionados co noso país, histórica e politicamente (como Portugal ou Irlanda, por poñer dous exemplos), e tamén relacionados coas nosas loitas, coma a selección catalá ou a vasca. Neste sentido imos un paso por detrás destas dúas seleccións, que escollen ben os seus rivais.
Daquela, en canto á oficialidade das seleccións galegas queda moito por facer, non é?
Queda moito, e neste sentido non estamos de acordo coa política que leva da Dirección Xeral. Demos un paso xogando amistosos cada ano no fútbol, e creando seleccións deportivas que antes non existían, ou que existiron hai ben tempo, antes da Guerra Civil. Mais nós pensamos que isto non debera parar nun simple divertimento dun partido unha vez ao ano. Hai que dar pasos para conseguir a oficialidade das seleccións galegas.
Xa se deu un paso neste sentido do surf, ao desfacerse a Federación Española, a galega e a vasca, por exemplo, poden competir en campionatos internacionais, e a Dirección Xeral debería fomentar esta participación a nivel internacional, e non o está a facer.
Pensa que moita culpa deste estancamento é das federacións?
Pensamos que quen se debera mover é Deporte. Nas federacións hai que cambiar certas persoas, certos dirixentes que xa veñen de antes, da época do PPdeG. Ademais, seguen sen se notar algúns dos cambios. Por exemplo, as páxinas web dalgunhas federacións seguen sen estar en galego... e segue a haber moitos deportes aínda sen selección.
Hai moito que traballar, e nós seguímolo facendo. Imos seguir a manter o contacto con Deporte e imos continuar facéndolles presión e expoñéndolles as nosas reivindicacións como colectivo.