O festival de cinema de Compostela crece en calidade e cantidade. As máis de 100 películas elixidas para o programa conforman unha visión xeral do mellor cinema realizado no último ano.
Comeza Cineuropa, e faino cunha selección das mellores películas exhibidas en todo o mundo durante este último ano, chegando a acadar un programa con máis de 100 obras, 70 das cales son estreas. Filmes coma A voda de Tuya, premiada co Oso de Ouro en Berlín, 4 meses, 3 semanas e 2 días Palma de Ouro en Cannes ou Redacted, León de Ouro en Venecia, son tan só unha pequena mostra do que os asistentes poderán ver ata o vindeiro 3 de decembro no marco deste festival de cinema.
O concelleiro de Cultura compostelán, Néstor Rego, foi o encargado de presentar este ciclo de cinema, que comeza o martes 6 de novembro, acompañado polo xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva e polo director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Xosé Fernandez. Por suposto, tamén acudiu o director e organizador de Cineuropa, Xosé Luís Losa, quen deu conta dos fitos do programa deste ano.
A calidade e a cantidade deste festival son, para o concelleiro de Cultura de Compostela, os sinais identificativos de Cineuropa, que ademais "se está a converter nunha xanela á cinematografía que non pode saír á luz a través de outras canles de distribución". Pola súa parte, o responsábel de Comunicación Audiovisual da Xunta quixo destacar a traxectoria que este festival de cine está acadando, chegando incluso a converterse no "eixo das actividades culturais compostelás durante todo un mes, o que demostra que ano a ano se está a consolidar cada vez máis.".
O mellor do mellor
A selección dos filmes incluídos no programa foi unha das tarefas máis laboriosas xa que, segundo afirma o director de Cineuropa, Xosé Luís Losa, "a estrutura do festival é moi orixinal, non existe ningunha outra así dentro do Estado español". Entre os filmes elixidos, atópanse os gañadores das principais mostras de cinema de toda Europa, chegando pasando polo de Bos Aires.
A sección oficial contará este ano coas obras de moitos dos grandes nomes do cinema actual, como Paul Auster, Ken Loach, Claude Chabrol, Carlos Saura ou Alain Resnais. En canto aos ciclos, Cineuropa engade este ano un novo apartado, Doc. Music, no que se aportará unha visión sobre a vida dos músicos contada dende a súa propia experiencia. O cine asíatico será outra das referencias nesta edición do festival, acompañada ademais da sección "Norteamérica: Cinema e Poder" na que se mostrarán as visións máis ácidas da guerra de Iraq. O maratón do día 2 de decembro estará dedicado ao cine Bizarre, e contará cunha das tradicionais películas sorpresa.
Oportunidade para cinéfilos
Cineuropa converteuse nos últimos anos nun escaparate inmellorábel para coñecer a mellor cinematografía a nivel mundial, "dá unha visión completa do 2007 en materia cinematográfica en todo o mundo, e chega incluso a xustificar unha viaxe a Compostela a todos aqueles que teñan interese no cinema" segundo afirma o director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta, Manuel Xosé Fernández. Así mesmo, este festival, que se está a converter no máis relevante de Galiza cara o exterior, tamén pode supoñer un achegamento ao cine para todas aquelas persoas que queren fuxir dos filmes comerciais e dos que se exhiben nas canles de distribución habituais.