Desde a Consellaría de Medio Rural aseguran ter detectado "moitísima demanda". En dous meses estarían en réxime de arrendamento, por un valor medio de 134 euros cada unha, até 10 mil hectáreas.
"A resposta foi sorprendente", aseguraba este domingo nos micrófonos da Radio Galega o conselleiro do Medio Rural. Alfredo Suárez Canal recoñeceu que o seu departamento preveu que abrollasen "suspicacias" e "resistencias", temendo algunhas interpretacións "equívocas" do proxecto dado o sentimento de "arraigo" que coa propiedade existe no rural do país.
E porén, Suárez Canal destacou que a Xunta detectou xa unha importante demanda, ás portas de que este mesmo luns bote a andar oficialmente o Banco de Terras. O obxectivo a curto prazo é que en apenas dous meses haxa xa arredor de 10 mil hectáreas até o de agora improdutivas que estean en disposición de "producir riqueza colectiva para o país e axudando a mellorar as rendas de moitos produtores". O conselleiro considera que se atenderá con éxito ás demandas combinadas de labregos e gandeiros que precisaban de novas terras "para redimensionar e facer máis rendíbeis as súas explotacións" cos intereses dos propietarios que agardaban "a contar cunha garantía pública de renda sen perder a titularidade".
Cinco áreas foron declaradas de especial "interese agrario" e serán onde neste primeiro treito se faga o maior esforzo para estabelecer este tipo de contratos: nas comarcas de Ordes, Terra Cha, Limia, Deza e Baixo Miño. A meta é que cara ao fin da lexislatura se cheguen a dispoñibilizar até 100 mil hectáreas no Banco de Terras, incrementando significativamenet a superficie agraria útil de Galiza, na actualidade un 25% do territorio.
Toda a información pode atoparse no espazo en internet Bantegal.