As xornadas remataron co compromiso de facilitar o achegamento entre as literaturas galega, catalá e vasca.
O congreso de escritores galegos, vascos e cataláns Galeusca 2007, rematou o sábado cunha xornada que se desenvolveu en Mondoñedo. Previamente, os participantes rendéronlle unha ofrenda floral ao poeta Manuel María en Outeiro de Rei.
Como conclusións do congreso, os participantes constataron a necesidade de recuperar os imaxinarios propios e inventar novos para a actualidade. Tamén salientaron que a estrutura estatal non garante o desenvolvemento das identidades lingüísticas, polo que confiaron en que a presidencia europea recoñeza as nacións sen estado.
Galeusca, preto de facer 25 anos, pretende construír unha entidade xurídica común, e propoñerá a creación dun espazo de tradución directa entre as tres linguas. Finalmente, os escritores pediron maior protección aos dereitos de autor.
Na sesión do sábado desenvolveuse un relatorio sobre o imaxinario na literatura actual dos tres países, que culminou cunha lectura de textos pola tarde, coas voces de Medos Romero, Marica Campo, Henrique Ribadulla, Montserrat Rodés, Ramom Guillén, Jaume Miró, Aritz Gorrotxategi, Juan Ramón Makuso e Oier Guillan. Como remate, os escritores fixéronlles unha homenaxe a Basilio Losada e Xosé Éstevez.