Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
I Congreso Galego da Mocidade Investigadora

A precariedade laboral segue a provocar a fuga de 'cerebros'

As diferenzas salariais e a falta dunha carreira profesional planificada seguen a motivar a marcha de centos de mozos investigadores galegos fóra do noso país.

Redacción - 18:52 25/10/2007

A asociación Precarios Galicia denunciou, no marco do I Congreso Galego da Mocidade Investigadora, que os "cerebros" galegos están fuxindo cara ao estranxeiro. As mellores condicións salariais, que chegan incluso a cuadriplicar ás galegas, e a falta dunha carreira profesional "planificada, viábel e estábel" nas universidades e centros de investigación do país son as causas principais desta fuxida.

O voceiro do colectivo, Jorge Pérez Maceiras, sinalou que preto do 80 por cento dos investigadores deciden emprender a súa carreira profesional fóra de Galiza "ante a escaseza de perspectivas", e non é de estrañar, xa que un investigador recibe en Galiza unha bolsa de 600 euros mensuais, mentres que en calquera outro país o soldo que reciben supera os 2.000 euros. Hai que ter en conta tamén que os bolseiros non teñen os mesmos dereitos que os asalariados.

Solucións
Ante esta situación, Jorge Pérez reivindica a necesidade de que os bolseiros gocen dos mesmos beneficios que os traballadores e reclama a creación de postos de traballo en universidades e centros de investigación. Con todo, o voceiro de Precarios de Galicia recoñeceu que co bipartito estase a incrementar o número de investigadores con contrato e non con bolsa, pero que sinalou tamén que seguen a ser insuficientes. A renovación do profesorado sería outro dos puntos a tratar, xa que tan só o 4 por cento dos profesores das facultades galegas son menores de 30 anos.

Pola súa banda, a Xunta terá aportado, ao finalizar 2007, case 30 millóns de euros cos que facilitar a contratación de 500 traballadores neste eido, o que supón un incremento con respecto a 2006. As fontes da Consellaría de Innovación indicaron tamén que as axudas se realizan sempre a través de contratos e nunca de bolsas, e que as cantidades recibidas abranguen dende os 1.600 euros ata os 3.000.


4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: