Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A revista mensual de humor galego

"Non é o mesmo o noso sentido do humor que o de fóra"

Con novembro chega Retranca, unha nova publicación para afrontarmos o Samaín e os magostos co sorriso nos beizos. Vieiros falou co seu promotor, Kiko Da Silva.

Lara Rozados - 14:00 25/10/2007

Facendo gala do seu humor negro, os creadores da revista comezan a súa andaina cun número para ler en "santa compaña". Un alma en pena é a súa mascota, asegúrannos que a leremos de mortos se non a lemos de vivos, e escollen a Noite do Samaín, este 31 de outubro no Café Moderno de Pontevedra (onde paraba moito Castelao, ademais), para presentárennola.

Pero o tema central deste primeiro número, que leva á actualidade o conto dos tres porquiños da súa portada, non ten ren que ver cos defuntos. O feísmo e a especulación urbanística centran este primeiro Retranca. Oito mil exemplares serán distribuídos polos quioscos de toda Galiza, a un prezo de 2,20 euros cada un.

Ademais de Kiko da Silva como alma mater, a revista conta coas sinaturas de Manuel Rivas, Miguelanxo Prado, Xaquín Marín, Pinto e Chinto, Kohell, Leandro, Luís Davila ou Andrés Meixide. Alberto Guitián, Jacobo Fernández ou os colectivos Pestinho+1 e Reizentolo, entre outros son algúns dos colaboradores galaicos do proxecto. Desde fóra do país achegan a súa ollada os coñecidos Idígoras & Pachi ou Mel, coñecidos polas súas colaboracións en El Mundo ou El Jueves. Boa parte destes autores participarán no evento de presentación.

Vieiros: Como naceu Retranca?

Kiko da Silva: A idea levaba dándome voltas na cabeza dende hai máis dun ano. En principio era para lla presentar a unha editora, pero o humor político e social pode non ser axeitado para as editoriais tradicionais: non se van meter con quen está no poder porque se cadra perden subvencións. Entón, para que a revista fose completamente libre e os colaboradores non tivesen cancelas, en xuño comezamos os trámites para crearmos unha editora propia. É como cando naceu o Jueves en Barcelona, que a botaron adiante os socios.

V.: Pero en galego e sobre Galiza...

K.D.S.: A xente falábame da problemática da lingua por aquí, a problemática da lingua por alá, así que decidín facer un especial sobre a problemática da lingua: non é un impedimento, é un plus de calidade que a revista estea en galego. Para revista de humor en castelán xa temos o Jueves, pero existía un oco: necesitabamos unha revista en galego que falase dos nosos temas, e ademais... Non é o mesmo o noso sentido do humor có sentido do humor de fóra.

V.: Contan coa garantía de que hai un público que a demanda?

K.D.S.: Vivimos un momento de cambio político e hai moito que reivindicar, e se podemos facelo con humor, qué mellor xeito... E algo que non me gusta da miña profesión é que parece que sempre estamos chorando, queixándonos de que non temos nada. Ante isto, eu decidín actuar, e agardo que a experiencia sexa positiva como para que se animen a saír á luz outras iniciativas.

V.: Unha vez, falando con Xaquín Marín, dicíanos que os galegos estamos a perder a retranca... Que opina vostede?

K.D.S.:
Xaquín xa daquela sabía o que estabamos facendo, pero é moi discreto. Tiña razón, neste mundo globalizado polas novas tecnoloxías cada vez valoramos máis o inglés cá nosa propia lingua, e co humor pasa o mesmo. Seguimos lendo a Castelao, pero tamén a Mingote, Forges, ou os humoristas do New York Times. Pero isto pódenos enriquecer: Castelao, no seu tempo, estaba moi influído polos debuxantes alemáns. Viaxaba, tiña inquedanzas e estaba moi ao tanto do que se facía fóra. Sermos quen de trasladar á nosa cultura o bo das outras tamén é un síntoma de normalidade.

Eu penso que o que quería dicir Xaquín é que, ao non haber onde publicar, non se percibía que existise unhas produción galega de humor: ou era en castelán, ou o humorismo na prensa é ou dos máis veteranos, ou de xente nova que fai un humor máis parecido ao estatal. Nós, ante todo, non quixemos ser embiguistas, senón acoller autores de todas as partes: agora mesmo acabamos de fichar un humorista chileno, e é un gozo podérmolo ler en galego

V.: Xogan moito co humor negro, coa iconografía da morte... Parece que aos galegos non nos dan medo as cousas do alén, que aínda nos encariñamos con elas.

K.D.S.: É unha homenaxe ao humor gráfico de todos estes séculos. Agora, o humorismo ten moitos matices, pero a esencia é este humor negro retranqueiro. As nosas tradicións esluíronse co Halloween, pero aquilo é unha cousa de risa, parece un entroido, mentres que a nós séguenos a dar "mal lerio" a Santa Compaña. Temos que explotar as nosas iconografías propias, e co tema da morte, témolas para parar un tren.

V.: E xa entrando en detalles, que contidos imos atopar en Retranca?

Cada número vai ter o 60% dos seus contidos dedicados ao tema da portada. Logo haberá unha serie de seccións fixas, dende unha análise, "Temas de hoxe", a cargo de Leandro (que abre falando sobre o augardente), até "Cuestión de opinión", con Mel, que quere facer crítica da crítica (e dos críticos), sobre todo do ámbito da cultura.

Logo está "Galicia caníbal", onde Luís Davila irá debullando as nosas cousas típicas (neste primeiro número falará sobre os pescadores), e "Telegaita", con Leandro, unha ollada humorística á nosa única televisión. Tamén haberá series de personaxes: recuperamos a Gaspariño, un personaxe con quen moitos nos criamos e que aínda ten moita vixencia.

Eu teño a serie "Brais aínda vive cos pais", que conta as aventuras dun trinteneiro, Guitián, outra sobre Fito e Pita, dous velliños bakalaeiros. Miguel Anxo Prado fai, en "Caderno de notas", unha reflexión sobre o tema de portada, Andrés Meixide aborda en "Metrópolis" os problemas da cidade. Idígoras & Pachi achégannos, a través de "Máis alá do telón de grelos", a súa peculiar visión das cousas que pasan no mundo. Ademais, colaboran certos autores cun artigo en clave de humor: agora, neste primeiro número, Manuel Rivas. Agardamos, a partir do segundo número, aumentar tanto o número de colaboradores como a cantidade dos contidos.

E tamén teremos sempre un póster central (neste número, "As táboas de Teresa Táboas"), e ademais agasallamos unha foto do Rei "para as paixóns máis ardentes", pero isto é secreto, tes que mercar a revista para saber o que é...

********
Pois nada, agardaremos logo a que Retranca chegue aos quioscos, en novembro, para percorrer todas estas seccións, empapelar o cuarto con Teresa Táboas ou descubrir cal é ese agasallo sorpresa. E, sobre todo, rirmos con gana.


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: