Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Premios de literatura dramática do IGAEM

Roberto Salgueiro consegue o seu cuarto Cunqueiro, e Carlos Losada, o Manuel María

'Game over' e 'Historia da chuvia que cae todos os días', son os títulos gañadores do II Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil e do XVI Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais.

Redacción - 18:05 23/10/2007
Paula Carballeira le o ditame do xurado. Con ela, Luís Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural, e o xerente do IGAEM, Miguel Martín

Paula Carballeira le o ditame do xurado. Con ela, Luís Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural, e o xerente do IGAEM, Miguel Martín

Pronunciou os nomes representando ao xurado, nunha conferencia de prensa, a actriz, directora e dramaturga Paula Carballeira, gañadora na anterior edición do I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil co texto Boas Noites, que a compañía Berrobambán estreará en novembro. O anuncio coincidiu coa inauguración da Feira Galega das Artes Escénicas, que até o 27 congrega máis de vinte compañías galegas e do ámbito lusófono en Compostela.

Quedaron desertas as dúas modalidades (teatro infantil e teatro para adultos) do Premio Barriga Verde, por considerarse que ningún dos textos "posúe a suficiente calidade literaria". Os premios están dotados con 6.000 € (o Álvaro Cunqueiro) e 4.000 (o Manuel María), e ademais, as dúas obras serán publicadas nas coleccións dramáticas que o IGAEM mantén en colaboración coa editorial Xerais.

Conflito xeracional e o illamento dos máis pequenos, as temáticas gañadoras

Deste xeito, Roberto Salgueiro (Caracas, 1966), licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC e director da Aula de Teatro dende o 90, obtén o seu cuarto Álvaro Cunqueiro (xa o gañara no 88 c'O arce no xardín, no 2000 con Eliana en ardentía ou Bernardo destemplado, e no 2002 con Molière final).

Historia da chuvia que cae todos os días, por medio do enfrontamento dun pai e un fillo, analiza dúas xeracións diferentes e a constitución de Galicia como un espazo universal. A dramatización de conflitos tan presentes como a falta de perspectivas laborais, as cargas familiares, a emigración, ou o choque xeracional, nesta obra "comprometida", emprega un "galego vivo", con "diálogos áxiles, tensos, críbeis e con carga dramática".

De Game over, o xurado salientou o "bo ritmo" da obra, as súas "boas posibilidades escénicas" e a "frescura" da linguaxe. Subliñou que o texto é "doado de seguir" para a mocidade e introduce unha "mensaxe moi actual": o illamento ao que se someten na actualidade os pequenos por mor do mundo das máquinas. En Game over cóntasenos a viaxe de Roi ao país das súas marabillas, dos seus xogos e dos seus medos.

O cambadés Carlos Losada, da mesma idade que Salgueiro, é autor e director teatral. Estreou unha ducia de espectáculos en compañías universitarias e independentes de Galicia. No ano 2000 fundou con Rubén Ruibal (gañador do Álvaro Cunqueiro hai dous anos, e neste mesmo día, do Premio Nacional de Literatura Dramática con Limpeza de sangue) a compañía profesional de teatro Cachuzo.


Documentos

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: