Os oito mapamundis de 1482 levados en agosto pasado da Biblioteca Nacional de España foron recuperados en Bos Aires por Interpol.
Os oito mapamundis de 1482 roubados en agosto pasado da Biblioteca Nacional de España foron recuperados en Bos Aires por efectivos de Interpol Arxentina. Pola súa banda, fontes da Garda Civil española confirmaron este mércores á prensa que a orde de detención internacional e extradición contra César Gómez Rivero, presunto autor do roubo de varios manuscritos subtraídos da Biblioteca Nacional de España, "foi solicitada" e atópase en trámite xudicial".
En conferencia de prensa, a directora da Biblioteca Nacional de España, Milagros del Corral, informou que o presunto autor dos roubos tiña consigo varios documentos, que serían os subtraídos da institución. Segundo as fontes, os mapamundis foron entregados nunha oficina da sección Centro de Protección do Patrimonio Cultural de Interpol en Bos Aires por un avogado que dixo ser defensor de César Gómez Rivero, de 60 anos, o presunto autor do roubo en España.
Son oito dos 19 roubados
Trátase de 8 dos 19 mapas roubados en agosto pasado da Biblioteca Nacional de España. Como indican as fontes, douss deles xa foran recuperados días atrás nos EUA e en Australia. Segundo a axencia de noticias arxentina Télam, cada unha das pezas está valorada nuns 90 mil euros.
Segundo un informe policial os elementos recuperados son: un mapamundi de Ptolomeo identificado como "Genérale Ptholomei"; un mapa identificado como "Reconocimiento Estrecho de Magallanes"; un mapa da obra "Cosmografía". Ademais foron recuperados un mapa identificado como "Tcperata Antipodum Nobis Incógnita"; un mapa identificado como "Libri Cosmo Fol. XXXII. Media Nox", unha escena de cacería número 157 - 172 e 248.
Os mapamundis de 1482 estaban depositados na Biblioteca Nacional de España, e o seu roubo foi detectado o 24 de agosto pasado. Nun principio os investigadores españois daban conta de que o autor do roubo era un cidadán arxentino, pero co correr dos días sóubose que o seu país de orixe é Uruguai e que agora ten a nacionalidade española.Os exemplares subtraídos, que datan de 1482, estaban gardados na sala Cervantes da Biblioteca Nacional española e formaban parte da edición incunable da obra de Plotomeo Cosmografía. No marco da investigación, tamén se soubo que unha ou máis persoas, aínda non identificadas, arrincaron varias follas de catro libros dos séculos XVI e XVII.
Non será detido de momento
O xuíz federal Ariel Lijo eximiu de prisión ao cidadán uruguaio que subtraeu unha decena de mapamundis da Biblioteca Nacional, dous dos cales foron comercializados en Australia e Estados Unidos. Para asegurarse a liberdade o imputado, chamado César Gómez Rivero, deberá antes depositar unha fianza cuxa contía non transcendeu.