Varios arxentinos dan o seu voto para as presidenciais ao mellor ofertante: "Só candidatos con nivel intelectual e económico. Deputados e concelleiros absterse".
Arxentina elixe en outubro o seu presidente
Martín Minué, un médico de 33 anos da cidade rioxana de Chilecito (Arxentina), puxo á venda nun sitio de poxas pola internet o seu voto para as eleccións presidenciais, concretamente a 20 pesos (case 5 euros).
A idea xa provocou un importante balbordo no país. Varios compatriotas seguiron os seus mesmos pasos: outro veciño de Chilecito ofrece o seu por 100 dólares (23 euros), e un outro internauta máis, de Bos Aires, pide até 300 pesos (70 euros) polo seu sufraxio.
Un vendedor, alcumado 'Domingo Ángel', ofrece o seu voto por só un peso (0,23 euros), e anuncia: "Vendo o meu voto para estas eleccións ao mellor ofertante; só candidatos con nivel intelectual e económico. Deputados e concelleiros absterse".
O diario de Bos Aires Clarín publicaba esta semana as declaracións do médico nas que afirmaba que sentía "impotencia" ante a situación actual de Arxentina, e que se lle ocorreu vender o seu voto como "unha especie de protesta e broma ao mesmo tempo".
"Temos gardados 45.000 millóns de dólares (máis de 33.000 millóns de euros) -en referencia ás reservas monetarias do Banco Central de Arxentina- mais a xente mata por unha zapatilla", sinalou Minué.
Vacío legal
Sobre a legalidade da oferta do voto, a avogada arxentina consultada por Clarín , Lía de la Colina de Ibarlín, sinalou que "hai un baleiro legal respecto destas vendas, xa que se pena o voto cantado mais aínda non hai nada respecto ao uso das novas tecnoloxías".
Segundo o Instituto Nacional de Estatística e Censos (INDEC), en xuño de 2006, 5,6 millóns de arxentinos que vivían en zonas urbanas non satisfacían as súas necesidades mínimas de alimentación, saúde, vivenda, educación, transporte e outros servizos básicos. O 8,2% da poboación urbana (1,9 millóns de persoas) non se pode alimentar adecuadamente.